Pontevedra conxelará por noveno ano consecutivo todos os seus impostos e taxas municipais

Pontevedra
16 de novembro 2022

Un ano máis, e con 2023 serán nove, Pontevedra manterá conxelados todos os seus impostos e taxas municipais. Así o confirmou este mércores o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que nin sequera se actualizará o IPC

Fachada do edificio administrativo de Michelena 30
Fachada do edificio administrativo de Michelena 30 / PontevedraViva

Un ano máis, e con 2023 serán nove, Pontevedra manterá conxelados todos os seus impostos e taxas municipais. Así o confirmou este mércores o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que nin sequera se actualizará o IPC.

"Non sei se hai algún outro concello que leve nove anos coas taxas conxeladas", sinalou Fernández Lores, tras avanzar que os traballos para elaborar o orzamento municipal para o próximo ano "van ben", do mesmo xeito que as negociacións co seu socio de goberno.

O rexedor subliñou que no Concello "somos conscientes" de que o país vive un momento económico "fastidiado" pola subida dos prezos, polo que optan por non repercutir o IPC, que se situou nun 7,3% durante o mes de outubro.

Dentro desta política fiscal, o alcalde avogou por "aquilatar moi ben" os ingresos municipais e por "non facerlle pagar a crise aos cidadáns", de forma que o goberno local poida seguir realizando investimentos "de todo tipo".

A este respecto, o PP solicitará no próximo pleno que o Concello reduza a súa carga fiscal nunha porcentaxe similar ao que subiu a inflación, un 7,5%.

Esta medida aplicaríase ao imposto sobre bens inmobles (IBI), ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica e á taxa de recollida de lixos. 

"Dá a impresión que o PP pensa que o Concello ten unha maquinaria de facer cartos", ironizou o alcalde, que non ve como compaxinar a redución de ingresos co aumento dos investimentos que se reclaman en todo o municipio.