Pontevedra deberá abonar 767.000 euros máis para o convenio con Acuaes

Pontevedra
11 de decembro 2018

As obras do novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría, executadas pola sociedade pública Acuaes, supoñerán un desembolso extra de 767.503,26 euros ao Concello de Pontevedra. Así o confirmou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores

Obras de Acuaes en Pontevedra
Obras de Acuaes en Pontevedra / Concello de Pontevedra

As obras do novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría, executadas pola sociedade pública Acuaes, supoñerán un desembolso extra de 767.503,26 euros ao Concello de Pontevedra. Así o confirmou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

As cantidades incluídas no convenio entre Acuaes e os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa foron redistribuídas, tras as medicións das obras recepcionadas e o importe da subvención obtida dos fondos europeos FEDER.

Así, fronte aos 1.914.949,74 euros (un 5,80% do total dos 33 millóns que custou o novo abastecemento) que Pontevedra debía pagar, finalmente o custo que asumirá o concello da capital, onde máis obra se executou, será de 2.682.453 euros, un 8,13% do investimento total.

Este cambio recollerase nunha nova addenda ao convenio con Acuaes.

O total facturado e abonado a día de hoxe polo Concello é de 1.875.462,33 euros máis IVE e, segundo Fernández Lores, o resto das cantidades xa están consignadas no orzamento, polo que este aumento non afectará o equilibrio contable municipal.

Sanxenxo é o outro concello que debe custear un maior aumento, ao pasar dos 636.207 previstos a un total de 1.158.862 euros, é dicir, 522.000 euros máis.

Case 19 millóns de euros achegaraos Bruxelas a través dos fondos FEDER, mentres que Acuaes inviste 7.52 millóns de fondos propios e os concellos restantes, o resto a razón de 1.288.683 euros por parte de Marín, 872.145 euros de Poio e 498.360 euros de Vilaboa.