Pontevedra di "non ao xenocidio" en Palestina

Pontevedra
16 de xullo 2014

 Decenas de persoas concentráronse na praza da Peregrina para mostrar o seu rexeitamento ás accións militares de Israel na Franxa de Gaza e en solidariedade con Palestina

Concentración contra os ataques de Israel a Palestina e a Franxa de Gaza
Concentración contra os ataques de Israel a Palestina e a Franxa de Gaza / Diego Torrado

"Contra a Guerra. Non a xenocidio". Foi a mensaxe que lanzaron este martes decenas de persoas dende a praza da Peregrina, onde se concentraron para mostrar o seu rexeitamento ás accións militares de Israel na Franxa de Gaza e en solidariedade con Palestina.

Tras fracasar o último intento de tregua, Israel mantén a 'operación Margen Protector' contra os grupos armados de Gaza e as vítimas seguen aumentando nunha acción armada contra a que a Coordinadora Galega pola Paz pide a intervención da comunidade internacional.

A concentración repetiuse en todas as cidades galegas e en varias localidades estivo convocada por varias organizacións. En Pontevedra convocouna a Coordinadora Galega pola Paz, pero contou co apoio doutros colectivos como o sindicato CGT.

Para a Coordinadora Galega pola Paz resulta imprescindible a presión da sociedade civil e da cidadanía, diante das súas propias institucións e das do goberno israelí co obxecto de "impedir esta nova matanza", por iso fan un chamamento á solidariedade para co pobo palestino, e de apoio ás súas "xustas demandas de autodeterminación e creación dun Estado propio".