Pontevedra e Poio, dispostos a chegar a acordos pola ponte das Correntes e a Xunqueira de Alba

Pontevedra
28 de decembro 2016

A comisión de lindes do Concello de Pontevedra decidiu este mércores que non presentará alegacións ao informe, que agora está en mans da Xunta. Na súa comunicación á administración autonómica trasladaranlle esa decisión e faranlle chegar o escrito de alegacións da Comunidade de Montes de Campañó

Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores no acto do BNG no Teatro Principal na campaña de eleccións europeas
Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores no acto do BNG no Teatro Principal na campaña de eleccións europeas / Diego Torrado

Os gobernos locais de Pontevedra e Poio están interesados en alcanzar acordos no conflito polos lindes entre ambos os municipios e, en concreto, sobre o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba e a ponte das Correntes e así llo farán chegar á Xunta de Galicia na súa próxima comunicación relativa a este asunto. 

Segundo informou o Concello de Pontevedra, na comunicación expresarase o "desexo de ambas as corporacións locais de poder chegar a acordos de modificación dos lindes, se é o caso" para que leiras particulares "non queden dacabalo dos dous concellos".

Segundo o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, tamén se buscará "acadar acordos" sobre a Xunqueira de Alba e a ponte das Correntes, ao tratase de dous puntos sobre os que o último informe sobre os lindes ditado polo Instituto Xeográfico Nacional non se pronuncia, pero que poderían verse afectados polas novas fronteiras. 

A comisión de lindes do Concello de Pontevedra decidiu este mércores que non presentará alegacións ao informe, que agora está en mans da Xunta de Galicia. Na súa comunicación á administración autonómica trasladaranlle esa decisión e tamén lle farán chegar o escrito de alegacións presentado pola Comunidade de Montes de Campañó, que está inmersa neste proceso de deslinde ao afectar a terreos da súa titularidade.