Pontevedra e Poio vestirán de negro contra a violencia machista

Pontevedra
27 de outubro 2016

Tinguir de negro as vilas e cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. É o obxectivo da campaña Negro contra a violencia, presentada este xoves en Santiago e na que participan quince concellos galegos, entre eles Pontevedra e Poio

Presentación da campaña "En negro contra a violencia" Concello de Pontevedra

Tinguir de negro as vilas e cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. É o obxectivo da campaña Negro contra a violencia, presentada este xoves en Santiago e na que participan quince concellos galegos, entre eles Pontevedra e Poio.

A campaña arrancará coa sinatura dun protocolo de colaboración o vindeiro 17 de novembro entre todos os concellos que recolle unha serie de accións conxuntas e coordinadas.

Unha das máis importantes é promover a implicación dos axentes sociais e económicos municipais nesta campaña. No caso de Pontevedra, segundo avanzou Carmen Fouces, xa se están a manter contactos con todo o tecido social da cidade para solicitarlles a súa participación de tal xeito que entre o 18 e o 28 de novembro toda a cidade se tinga de loito.

Ademais, estase a habilitar un espazo específico dentro da web municipal para que os que se queiran sumar á campaña poidan facelo.

Pontevedra valora moi positivamente esta iniciativa para dar unha visión unificada na loita contra a violencia machista, "e coido que esa posición novidosa merece ser apoiada máis alá das opcións políticas de cada quen e dende todos os sectores que se poida", asegura Carmen Fouces, quen defende que unha das fortalezas desta unión é "implicar a toda a cidadanía".

"Este é o camiño que debemos seguir. Se estamos a falar que é un tema de Estado, e constatamos que non se está a dar, os concellos debemos unirmos e dar unha lección de igualdade, democracia e participación", concluíu a concelleira.

O goberno municipal aspira a que todas as persoas que participan na campaña e o comercio empreguen o material para manifestar a repulsa de toda a cidade ante os futuros asasinatos machistas; "para dar unha canle de participación ante estes feitos", algo que máis alá das concentracións "é un reto", asegura Fouces.