Recompilar as receitas das avoas e elaborar un receitario ancestral da cidade é un dos obxectivos do 'Avoa Fest', un evento organizado polo Concello e integrado no proxecto Pontevedra Capital Gastro.
Para levar a cabo a actividade e tamén homenaxear ás mulleres que gardaron a nosa memoria gastronómica, este sábado pola tarde desenvolveuse a primeira edición do Desafío Filloa.
A partir das 18:00 horas, catro avoas e os seus netos cociñaron filloas en directo na Alameda, baixo a atenta mirada do xurado composto por Silvia Guerra, de Confeccións Story, que fixo bátalas de cociña das persoas participantes así como as da Banda Cociñas de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra; Marta Santiago, da Fervella; Sergio Roma, O Souto (gañador da Batalla das Cunchas); Carmen Canabal, de Causa Street Food; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; e Ricardo Fernández, docente no CIFP Carlos Oroza e impulsor dun receitario tradicional con alumnado deste centro.
Despois de varias horas cociñando baixo a mirada de todos os presentes e do humorista Isi, que amenizou a xornada, o xurado procedeu a catar as filloas realizadas polas cociñeiras e as súas pinches.
Unha vez catados as sobremesas, decidiron dar por gañadora á parella formada por Cuca Gómez Vergutini e a súa afillada-neta Paula, de 20 anos, que recibiron a Culler de Madeira gravada de mans de Sergio Roma, gañador da Batalla das Cunchas.
Ademais, as avoas participantes, Olga Juncal Acuña, cos seus netos Óscar e Manuel (14 e 10 anos); Luisa Ruibal Abilleira, co seu neto Nahuel (10 anos); e Gloria Otero Álvarez, coa súa neta Yara (11 anos), recibiron un ramo de flores e un caderno de rectas da man do tenente de alcalde, Tino Fernández, e da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.