Pontevedra esixe ao Sergas que cubra de xeito "inmediato" a praza de pediatra en Monte Porreiro

Pontevedra
20 de maio 2019

A partir do próximo venres, se as autoridades sanitarias non o remedian, non haberá pediatra no centro de saúde de Monte Porreiro. Ese será o día no que o médico actual, que se prexubila, deixará de pasar consulta no barrio

Rúa Alemaña, Monte Porreiro
Rúa Alemaña, Monte Porreiro / Mónica Patxot

A partir do próximo venres, se as autoridades sanitarias non o remedian, non haberá pediatra no centro de saúde de Monte Porreiro. Ese será o día no que o médico actual, que se prexubila, deixará de pasar consulta no barrio.

Ante esta situación, os veciños comezaron a mobilizarse e, a petición da asociación O Mirador, o Concello decidiu posicionarse con eles.

O goberno municipal acordou este luns solicitar á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que se cubra de maneira "inmediata" a praza de pediatra en Monte Porreiro.

Este pediatra, lembrou o portavoz municipal, Raimundo González, é compartido con Barro.

O Concello defende a continuidade deste servizo no centro de saúde de Monte Porreiro ao entender que atende unha poboación "importante", xa que no barrio vive moita xente nova e con fillos.

"É necesario cubrir esa praza de xeito urxente", sinalou o edil do BNG, que espera que o Sergas atenda esta petición e non se resinta a asistencia sanitaria no municipio.