Pontevedra esixe solucións urxentes ante unha sanidade pública "afogada e desmantelada"

Pontevedra
19 de decembro 2022

BNG e PSdeG-PSOE denunciaron que a situación "crítica" na que se atopa a atención sanitaria en Pontevedra "pon en risco a saúde dos cidadáns". A pesar das críticas á xestión sanitaria da Xunta de Galicia, o Partido Popular apoiou a moción que reclamaba solucións urxentes ante unha sanidade pública "afogada e desmantelada"

Pleno municipal no Teatro Principal
Pleno municipal no Teatro Principal / Mónica Patxot

Una nena de 12 anos "peregrinando" de PAC en PAC para conseguir médico e que acaba sendo atendida na sanidade privada. Un home de 48 anos que, tras días con febre moi alta e sen conseguir ser visto por un facultativo, ingresa nun hospital e falece pouco despois.

Son dous dos casos que a edil do BNG, Carme da Silva, citou para denunciar que a situación "crítica" na que se atopa a atención sanitaria en Pontevedra "pon en risco a saúde dos cidadáns" e impide que o persoal traballe "en condicións axeitadas".

A "realidade" da sanidade pública en Pontevedra, asegurou Da Silva, son PAC "sen médicos", una Atención Primaria "desmantelada", persoal en condicións precarias, citas médicas que se eternizan, derivacións á privada e urxencias hospitalarias "colapsadas". 

"Afogar a Atención Primaria pon en risco a saúde e a vida das persoas e iso é o que lle debería preocupar a quen a está a desmantelar", afirmou a concelleira do BNG, que o caos nas urxencias "deriva directamente de aí" e é consecuencia da política sanitaria da Xunta.

Desde o PSdeG-PSOE, Tino Fernández subliñou que a sanidade pública "é unha xoia que temos que coidar e mellorar" porque, en caso contrario, "despois non vale de nada botarse as mans á cabeza". Por iso é polo que insista en que "hai que defendela sempre".

A este respecto, Fernández lamentou que, tras os aplausos ao persoal sanitario durante a pandemia, a Xunta demostre que "todo era pantalla" e que non teñan "reparos" en proseguir co seu proceso de desmantelamento da sanidade pública.

A pesar das críticas á xestión sanitaria da Xunta de Galicia, o Partido Popular votou a favor da moción presentada por nacionalistas e socialistas, permitindo que se aprobara por unanimidade da corporación, porque, segundo Rafa Domínguez, "defenderemos y trabajaremos donde se necesite por la sanidad pública".

Domínguez recoñeceu que os profesionais sanitarios "no trabajan en condiciones óptimas", o que lles leva a realizar un sobresforzo e a sufrir unha tensión "absolutamente insoportable", especialmente polo "importante déficit" que atravesa Atención Primaria.

"Desde el PP somos perfectamente conscientes de las limitaciones de la sanidad pública", sostivo o líder popular, que defendeu que desde o goberno galego "están trabajando para resolverlo", coa falta de médicos como principal cabalo de batalla

Iso si, o portavoz do PP afeou a "vergonzante" utilización política que fai o BNG sobre os problemas da sanidade porque "el uso de la exageración y de la hipérbole no ayuda ni beneficia a nadie, sobre todo a los médicos y a todo el personal sanitario".