Pontevedra explica o seu modelo urbano en Xixón e Zaragoza

Pontevedra
12 de setembro 2015

Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, explicará o funcionamento dos camiños escolares e do modelo urbano da cidade en senllas xornadas organizadas nestas localidades

Camiños Escolares
Camiños Escolares

Pontevedra foi convidada a dous novos foros especializados sobre mobilidade urbana, que se celebrarán a próxima semana en Xixón e Zaragoza.

Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, participará nestes foros, nos que explicará diversos aspectos do modelo pontevedrés.

O mércores 16, en Xixón, Macenlle explicará o funcionamento dos camiños escolares, un proxecto que se iniciou hai cinco anos no CEIP Álvarez Limeses e que xa se estendeu con éxito ao resto de centros educativos do casco urbano e de Monte Porreiro.

Agora, recoñece o responsable da policía municipal, "estamos avaliando o levar os camiños escolares ao rural".

Tras esta parada en Asturias, Daniel Macenlle participará no Foro de Mobilidade Sustentable de Zaragoza, onde defenderá o modelo urbano de Pontevedra, unha das catro cidades invitadas xunto a Vitoria, Friburgo e Copenhague. 

Farao os días 17 e 18 con dúas charlas, unha aberta ao público e outra destinada a políticos, técnicos e profesionais, defendendo actuacións realizadas no casco urbano como a redución de carrís, a peonalización ou a instalación de aparcadoiros disuasorios.