Pontevedra expón a súa zona de baixas emisións no Colexio de Enxeñería de Camiños en Madrid

Pontevedra
19 de setembro 2023

A Comisión de mobilidade recibiu este martes a publicación do Plan de mobilidade urbana sostible (PMUS) de Pontevedra que vén de editar en papel o Concello

César Mosquera coa publicación en papel do primeiro volume do Plan de Movilidad Urbana Sostible (PMUS)
César Mosquera coa publicación en papel do primeiro volume do Plan de Movilidad Urbana Sostible (PMUS) / Concello de Pontevedra

Os integrantes da Comisión de Mobilidade, infraestruturas, obras e servizos recibiron a publicación en papel do primeiro volume do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Pontevedra que vén de editar o Concello de Pontevedra.

O presidente da Comisión e responsable da Mobilidade municipal, César Mosquera explicou que ademais da novidade da publicación impresa, o documento do PMUS supón que "Pontevedra ten un modelo propio", e a plasmación é a mesa redonda convocada polo Colexio oficial de enxeñeiros de Camiños sobre as zonas de baixas emisións na que o Concello participa mañá, coa presenza do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas.

Nesta convocatoria exporanse os modelos actuais das zonas de baixas emisións: Londres, que cobra por acceder ao centro urbano; Madrid e Barcelona, que restrinxen a entrada por etiquetas; e finalmente Pontevedra que optou por unha terceira vía, "un modelo único no mundo", explicaba César Mosquera, quen resaltou a capacidade de Pontevedra "unha cidade mediana, por ter un modelo propio".