Pontevedra expón o seu novo plan de mobilidade sostible na Peregrina

Pontevedra
22 de xuño 2022

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, presentaron unha mostra que recolle os piares básicos do Plan de  Mobilidade Urbana  Sostible, que se atopa en fase de exposición ao público e  que debe estar aprobado de forma definitiva antes de que termine o ano

Fernández Lores e Demetrio Gómez visitan na praza da Peregrina a exposición sobre o PMUS
Fernández Lores e Demetrio Gómez visitan na praza da Peregrina a exposición sobre o PMUS / PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Obras urbanas, Demetrio Gómez, inauguraron este mércores na Praza da Peregrina a exposición sobre o Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Un documento chamado a dar unha volta de porca máis ao modelo de cidade peonil da Boa Vila.

O escenario elixido para esta mostra, que xa capta a atención de decenas de cidadáns, peregrinos e turistas, é que supón un "exemplo do que queremos para toda a cidade de Pontevedra, un espazo de convivencia, de actividade económica, de comercio local e mobilidade sostible", dixo o rexedor.

Sobre o PMUS, Fernández Lores, expresou o seu desexo de incluír as achegas da cidadanía. "Queremos que sexa participado por moita xente. Xa houbo reunión con asociacións e está na web para que todos os cidadáns fagan aportaciones. Queremos que teña a colaboración da gran maioría de Pontevedra para poder seguir avanzando nunha cidade que está sendo exemplo a nivel mundial", recoñeceu o mandatario nacionalista.

O prazo de presentación de suxerencias estará aberto ata o 31 de xullo e o documento debe estar aprobado de forma definitiva antes de que termine o ano.

Trátase dun plan de obrigada aprobación para todas as cidades de máis de 50.000 habitantes. Pero Pontevedra lidera unha corrente excepcional, a da creación de zonas de baixas emisións. Unhas zonas que permitiría manter as cidades abertas ao tráfico de mercadorías, de emerxencias e acceso aos garaxes sen ter que pagar unha cota por acceder ao núcleo da urbe nin ter que investir na compra dun coche eléctrico. 

"Queremos que se permita a entrada dos tráfcos imprescindibles para que a cidade funcione. que son menos dos que a xente cre e xa está demostrado que funciona", propón o alcalde, confiado en que o Ministerio dea luz verde a esta excepción que perseguen tamén todas as cidades pertencentes á rede " Cidades que Camiñan".

O modelo de mobilidade aplicado ao centro histórico pontevedrés verase expandido a outros barrios para cumprir cos parámetros de baixas emisións esixidos pola Unión Europea. Un exemplo foi o peche da rúa Reina Vitoria, onde "o tráfico de paso era innecesario", sostén Lores, quen avanza que o seu goberno xa estuda novas intervencións en barrios como o de Eduardo Pondal. "Ten que ter una modificación á baixa, estamos traballando niso", sinalou sen achegar máis detalles.

Pola súa banda, Demetrio Gómez mostrouse moi satisfeito cos primeiros contactos cos integrantes dos colectivos veciñais. "A recepción é boa, as explicacións que damos gustan e están conformes co noso plantexamento. Destacaría, sobre todo, a sensatez da veciñanza, que se compremeten a estudar o plan para facer achegas e melloralo", rematou Gómez precisando que "hai que ter todo en revisión", en referencia ao transporte público e a todas as intervencións realizadas no municipio para mellorar a calidade de vida dos habitantes e reducir o uso e as velocidades do vehículo privado.