Pontevedra formaliza a cesión a Política Social dos terreos para a nova residencia

Pontevedra
30 de marzo 2021

A través dunha Xunta de Goberno extraordinaria, o goberno municipal de Pontevedra aprobou a cesión da parcela para a construción da futura residencia da terceira idade, que estará situada na coñecida como unidade 18, a carón da rúa Doce de Novembro

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibe á conselleira de Política Social, Fabiola García
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibe á conselleira de Política Social, Fabiola García / Mónica Patxot

A través dunha Xunta de Goberno extraordinaria, o goberno municipal de Pontevedra aprobou a cesión da parcela para a construción da futura residencia da terceira idade, que estará situada na coñecida como unidade 18, a carón da rúa Doce de Novembro.

Este acordo recolle que a Xunta de Galicia deberá destinar este terreo á construción dunha residencia pública no prazo máximo de cinco anos.

O procedemento de cesión comezou o 14 de decembro, momento no que o Concello puxo a parcela a disposición da Xunta de Galicia, e agora o expediente chega ao seu punto final despois de que o prazo de exposición pública da cesión rematase o pasado 23 marzo.

Trátase dunha parcela dunha superficie de 5.000 metros cadrados. Esta nova localización responde á necesidade de contar con máis metros cadrados de terreo e reducir o número de andares do edificio.

O proxecto de residencia contempla un edificio con planta baixa e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por planta, e cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias.

Suporá 120 prazas para residentes, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento e un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.