O Concello de Pontevedra emitiu o seu informe técnico en resposta ao estudo de impacto ambiental presentado pola Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, para a dragaxe da canle de navegación do río Lérez.
O documento municipal recolle unha serie de requirimentos e propostas de mellora que considera necesarios para garantir a seguridade das infraestruturas existentes e o desenvolvemento da actividade social na contorna.
Un dos puntos centrais do informe municipal é a localización e protección da tubaxe de impulsión de saneamento de Poio.
Esta condución, de 400 milímetros de diámetro, atravesa a canle de navegación dende Lourido ata as proximidades do enlace das estradas PO-11 e PO-12, entre Pontevedra e Marín.
O Concello determina que, dadas as profundidades previstas na dragaxe, que poderán chegar aos 7 metros en puntos específicos, é necesario realizar un estudo detallado sobre as posibles afeccións a esta canle.

O documento solicita que se establezan medidas preventivas e correctoras específicas para evitar danos nesta infraestrutura durante a execución dos traballos.
O informe tamén propón axustes nos protocolos de traballo para minimizar o impacto ambiental. O Concello demanda o establecemento de limiares máximos de vento, ondada e caudal do río a partir dos cales os labores de dragaxe deban paralizarse de xeito automático.
O obxectivo desta medida é evitar o aumento da turbidez da auga por riba dos niveis permitidos, procurando que a toma de decisións sexa técnica e transparente para todas as administracións implicadas.
ACTIVIDADE DEPORTIVA
No ámbito socioeconómico, o Concello subliña que o proxecto da Xunta debe incluír a coordinación total co calendario de eventos deportivos que se celebran no río Lérez.
O informe municipal recomenda a paralización das obras durante o desenvolvemento destas probas, cuxas datas adoitan estar programadas con antelación, como unha medida de seguridade necesaria para os participantes.
Como proposta adicional para optimizar a operatividade futura das instalacións, o Concello suxire que o proxecto incorpore a mellora da sinalización marítima e a instalación de balizamento luminoso en toda a área de actuación, incluíndo a canle de navegación, a dársena de Corbaceiras e o Club Naval.
O plan de Portos de Galicia que o Concello analiza prevé actuar na canle de acceso e nas dársenas para acadar calados de 3 metros na canle principal, 2,5 metros no Club Naval e 1 metro en Corbaceiras.

Segundo a planificación da Xunta, os sedimentos extraídos serían trasladados á "zona B", un punto de vertedura situado en alta mar entre as illas de Ons e Sálvora na ría de Arousa, que conta coa oposición de diversos colectivos ecoloxistas.
Este informe municipal incorpórase agora ao expediente, que se atopa en fase de exposición pública para recibir alegacións de colectivos sociais, confrarías e organizacións ambientais afectadas antes da súa aprobación definitiva.