Ata 160 persoas, segundo as estatísticas oficiais, faleceron na área sanitaria de Pontevedra vítimas da covid-19 tras un ano de pandemia. Para todas elas, do mesmo xeito que para as que non lograron superala en toda España, Pontevedra impulsou unha homenaxe.
Foi a través dunha pancarta que, a partir de hoxe, estará colocada no balcón da antiga casa do concello da Praza de España. "A lembranza é a nosa forza. Sairemos adiante" é a frase elixida polo executivo municipal para este recordo.
A pandemia, sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "fixo sufrir a moitísima xente", pero especialmente a todas as persoas que faleceron e ás súas familias.
"Cremos que hai que lembrar porque a memoria é fundamental", sinalou o alcalde, que apuntou que estas foron unhas mortes "tristes" porque non puideron ser acompañados polos seus familiares, dos que moitos mesmo non lograron despedirse.
Neste ano que pasou xa, segundo Fernández Lores, "é conveniente acordarse de todos eles" porque desta forma "sentímonos con forza para seguir loitando".
Ademais, o Concello quixo facer extensible esta homenaxe a todas aquelas persoas que "máis activamente" colaborou e puxo do seu parte para combater esta enfermidade e aos que a poboación aplaudiu "espontaneamente" durante o confinamento.