O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves a aprobación do expediente de contratación para a renovación integral da rúa Casimiro Gómez.
É unha actuación cualificada polo propio rexedor como "moi demandada" e chamada a transformar por completo esta vía nun espazo máis humano e accesible.
O proxecto sae a licitación cun orzamento de 1.099.000 euros, unha cifra que Lores comparou con outras intervencións de gran envergadura executadas nos últimos anos.
A reforma abranguerá 185 metros de lonxitude, entre Loureiro Crespo e Pai Fernando Olmedo, e desenvolverase nun prazo estimado dun ano.
Sobre unha superficie de 2.665 metros cadrados, o Concello pretende combinar a renovación total das infraestruturas básicas cunha mellora significativa da mobilidade peonil e da estética urbana.
A actuación contempla a eliminación das barreiras arquitectónicas, a creación de novos itinerarios accesibles e a instalación de beirarrúas de dous metros de ancho, ademais de pasos de peóns elevados á mesma cota que a beirarrúa para reforzar a seguridade.
Engádese tamén pavimento podotáctil diferenciado, pensado para facilitar a mobilidade das persoas con diversidade funcional, e novas zonas de descanso con mobiliario renovado.
No apartado dos servizos, a intervención será igualmente profunda xa que está prevista a substitución de todo o alumeado público, renovarase tamén a rede subterránea separando pluviais e residuais, e actualizaranse as instalacións de electricidade, gas e telecomunicacións.
O proxecto inclúe tamén bancos, papeleiras, aparcadoiros para bicicletas e a plantación de arborado, específicamente, exemplares de Prunus.
En relación ao tráfico, Lores confirmou que se manterá a configuración actual, con tramos de dobre sentido e outros de dirección única.
"Estamos a falar dunha mellora demandada, que transformará esta rúa nun espazo máis humano e accesible, seguindo o noso modelo de cidade que prioriza o peón e a renovación completa das infraestruturas básicas", concluíu o alcalde.