Pontevedra, máis preto dos 84.000 habitantes

Pontevedra
30 de decembro 2016

Segundo os datos provisionais que manexa o Concello, durante o último ano houbo menos nacementos que defuncións e, a pesar de todo, hai máis habitantes, 83.918 segundo as cifras máis actualizadas das que dispoñen, cun escenario de case 4.000 mulleres máis que homes. Ao 31 de novembro naceran 500 bebés

Familia pontevedresa na praza da Ferrería
Familia pontevedresa na praza da Ferrería / Mónica Patxot

Pontevedra segue gañando poboación, pero non grazas aos novos bebés que nacen. Este podería ser un resumo do padrón municipal de 2016, no que, segundo os datos provisionais que manexa o Concello, durante o último ano houbo menos nacementos que defuncións e, a pesar de todo, hai máis habitantes e o municipio xa roza os 84.000. En concreto, 83.918 segundo as cifras máis actualizadas das que dispoñen, cun escenario de case 4.000 mulleres máis que homes.

Os datos non están aínda pechados e o documento de balance poboacional non incorpora os falecementos dos tres últimos meses, pero desde a administración local xa conclúen que o saldo vexetativo é negativo. Ao 31 de novembro naceran 500 bebés, pero non hai cifras de cantos pontevedreses faleceran e a cifra máis fiable é a do 431 ata setembro.

A pesar dese saldo negativo, non se freou o crecemento poboacional de Pontevedra. Se ao 31 de decembro de 2015 o padrón municipal situábase en 83.407 e había un balance de perda de veciños, ao 30 de novembro deste 2016 había 83.918. O dato significa que, tras un ano de descenso poboacional, retómase a tendencia ao aumento constante de poboación que se rexistraba en Pontevedra desde hai case vinte anos, en 1997.

A falta de contabilizar os datos de decembro, no padrón detéctase un aumento da poboación estranxeira que pode estar detrás dese crecemento poboacional. En concreto, 3.532 dos 83.918 habitantes son de orixe foránea, 98 máis que a finais de 2015 e un dato que confirma a tendencia ao crecemento do últimos catro anos. 

O país de procedencia de máis veciños de Pontevedra é Portugal, con 414 persoas. Séguenlle Marrocos (387), Brasil (372), Colombia (265), Romanía (240), Venezuela (187) e Italia (168) nunha lista que inclúe dez nacionalidades con máis de cen habitantes. Complétana Senegal (160), China (157) e Arxentina (102).

Entre os nenos nados ata o 30 de novembro, 15 eran estranxeiros, sendo Marrocos o país de orixe dos pais de cinco deles. De República Dominicana, Brasil e Romanía chegaran as familias de dous nenos e tamén deron a luz nais chegadas desde China, Colombia, Italia e Arxentina.