Pontevedra mantivo o pasado ano o número de casos de violencia de Xénero segundo a Memoria de actuacións da Policía Local

Pontevedra
25 de xaneiro 2023

"O balance non pode ser bo porque nos mantemos nos niveis do ano pasado" valorou a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, en referencia ás 31 intervencións por este delito rexistradas en 2022 que supoñen un atestado menos que en 2021  

Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións
Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións / PontevedraViva

"Queda moito traballo por facer", sinalou este mércores a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para presentar a Memoria de actuacións da Policía Local sobre Violencia de Xénero durante o pasado ano 2022. 

"O balance non pode ser bo porque nos mantemos nos niveis do ano pasado" avaliou a edil en referencia ás 31 intervencións por este delito rexistradas en 2022 que supoñen un atestado menos que en 2021. Non se inclúen, por tanto as actuacións levadas a cabo polo Corpo Nacional de Policía.

Desas 31 intervencións, 16 acabaron con detidos e as outras 15 con persoas investigadas, das que dez o foron por quebrantamentos de ordes de afastamento e as outras cinco por malos tratos.

O 44% dos agresores detectados pola Policía Local de Pontevedra está entre os 25 e os 35 anos de idade.

En canto ao tipo de actuacións que fai a Policía Local, Eva Villaverde destacou o "seguimento contínuo" que fan os axentes municipais de cada caso que inclúen a protección ou o acompañamento da vítima e o control sobre o agresor e a súa contorna. 

A Memoria recolle que durante o pasado ano fixéronse 578 contactos telefónicos (115 máis que no 2021), e realizáronse 231 valoracións (27 máis que no 2021).

A día de hoxe, en Pontevedra a Policía Local ten 15 vítimas en protección, das que 2 están valoradas con risco medio, 9 con risco baixo, en 4 casos non se aprecia risco e as outras 7 están sen valorar aínda.

Durante o ano pasado foron 47 as vítimas por violencia de xénero con protección xudicial prestada pola Policía Local de Pontevedra o que supón 5 máis que no ano 2021.

Outro dato que reflicte esta Memoria é que a central da Xefatura deste corpo de seguridade municipal recibiu durante o pasado ano 137 chamadas telefónicas relacionadas con posibles delitos de violencia de xénero o que supón, entre outras cousas, a apertura do correspondente expediente por parte da Policía Local que logo se deriva ao Centro de Atención á Muller (CIM) e tamén á Policía Nacional.

Desas 137 chamadas o 85% son intervencións sen consecuencia penal pero o 15% restante terminan en dilixencias no xulgado por un presunto delito de violencia de xénero.

Eva Vilaverde destacou que deste 15% de chamadas que derivan en dilixencias penais o 28,6% (6 avisos) foron chamadas dos veciños próximos; o 47,6% (10 avisos) foron alertas cidadás na propia rúa; o 19% (4 avisos) procederon das propias vítimas e houbo unha actuación que directamente foi advertida polos propios axentes municipais.

"Grazas á colaboración cidadá detectáronse moitas situacións de risco que podían ser posibles agresións", recalcou Eva Vilaverde que aprecia neste dato unha "progresiva concienciación cidadá da que hai que congratularse e que fai que se freen as agresións".