Pontevedra, o referente do BNG para "fortalecer" a súa presenza nas cidades

Pontevedra
02 de outubro 2018

O BNG mira cara Pontevedra. A cidade do Lérez, gobernada polos nacionalistas desde hai case vinte anos, converteuse na mellor carta de presentación para a formación que lidera Ana Pontón. As eleccións municipais de 2019 deben servir, dixo a portavoz nacional, para "fortalecer" a presenza do nacionalismo nas grandes cidades galegas

Ana Ponton cos candidatos do BNG ás eleccións municipais nas sete grandes cidades
Ana Ponton cos candidatos do BNG ás eleccións municipais nas sete grandes cidades / Mónica Patxot

O BNG mira cara Pontevedra. A cidade do Lérez, gobernada polos nacionalistas desde hai case vinte anos, converteuse na mellor carta de presentación para a formación que lidera Ana Pontón. As eleccións municipais de 2019 deben servir, dixo a portavoz nacional, para "fortalecer" a presenza do nacionalismo nas grandes cidades galegas.

Para iso, engadiu, "todos miramos cara Pontevedra" para facer ver aos galegos que o BNG "ofrece un modelo urbano de calidade" que, no caso da Boa Vila, "xa ten toda a súa forza" e que, adaptándose á realidade de cada urbe, pode trasladarse a calquera localidade para "mellorar a calidade de vida das persoas".

"É un orgullo como nacionalistas que o referente internacional para algunhas das respostas aos problemas de saúde, medio ambiente ou servizos públicos que hai nas cidades se atope no modelo do BNG que aplicamos en Pontevedra", destacou a dirixente do BNG.

Pontón, que presidiu este martes en Pontevedra a primeira xornada de traballo conxunta cos sete candidatos do BNG ás alcaldías das grandes cidades de Galicia, destacou o traballo "serio" que o partido está a realizar para a "importante" cita coas urnas en maio de 2019.

O BNG confía en "dar un paso adiante" e recuperar as posicións perdidas nas cidades galegas. Farano, engadiu Ana Pontón, con "ánimos renovados" e sen marcarse "ningún límite", grazas a un proxecto "serio", a unha organización "cohesionada e unida" e que está centrada no "importante", en "perfilar" as propostas para cada municipio.

A este respecto, a portavoz nacional sinalou que nestas eleccións municipais "imos a por todas", ao entender que "somos a mellor alternativa" para as persoas que " queren transformar en positivo" as súas cidades, demostrando que os seus gobernos "deixan pegada" e dinamizan a actividade nos seus concellos.

Á fronte das candidaturas en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Ferrol e Lugo, segundo Pontón, estarán "as mellores persoas" para presentar un proxecto "claro e ilusionante" e que, baseándose na "confianza" nas "potencialidades" que ofrece Galicia, todos e todas elas van defender "con toda ilusión e con moito traballo".

O alcalde de Pontevedra, que actuaba como anfitrión, afirmou que o BNG ten "amor" por Galicia e "especialmente confianza" nas súas capacidades, polo que ao seu xuízo son os nacionalistas os que mellor poden liderar un proxecto "pensado para as persoas", que parte de "analizar a realidade" e facer propostas "para o futuro".

Miguel Anxo Fernández Lores defendeu que as cidades "deben estar construídas para as persoas", de forma que estas ocupen o espazo público e convivan "democraticamente". Este modelo urbano, agregou, fomenta a cohesión social, polo que pediu aos seus compañeiros que aposten por unha alternativa " crible, fiable e de futuro" para as súas cidades.