Pontevedra participa no debate de reducción de emisións do transporte de mercadorías nas cidades

Pontevedra
21 de maio 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou este venres na segunda xornada dos seminarios organizados por ECODES e Transport & Enviroment, apoiadas polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, para avanzar cara un transporte de mercadorías por estrada cero emisións

Miguel Anxo Fernández Lores participou telemáticamente neste seminario
Miguel Anxo Fernández Lores participou telemáticamente neste seminario / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou este venres na segunda xornada dos seminarios organizados por ECODES e Transport & Enviroment, apoiadas polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, para avanzar cara un transporte de mercadorías por estrada cero emisións.

Nesta ocasión, o tema da xornada xiraba en torno ás "Zonas de baixas emisións e o transporte de mercadorías de última milla nas cidades".

Miguel Anxo Fernández Lores defendeu a Pontevedra como un modelo con resultados palpables onde a presenza do vehículo privado limítase ás necesidades reais do seu uso, e está primando a actividade económica da cidade.

Estas xornadas de participación e discusión entre os principais actores públicos, privados e asociativos do sector do transporte e da mobilidade pretenden achegar os obxectivos, compromisos e oportunidades do proceso de descarbonización do transporte de mercadorías de última milla, e de medio e longo percorrido por outro.

Segundo informa o propio ECODES, o transporte é o sector que máis contribúe ás emisións de gases de efecto invernadoiro. De feito, segundo os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, en 2019 supuxo o 29% do total das emisións en términos de CO2 equivalente en España.

O transporte por estrada (pasaxeiros e mercadorías) representa o 80% da mobilidade en total, e o Goberno de España fixa a descarbonización a longo prazo para o ano 2050. A nova Lei de Cambio Climático fixa obxectivos para impulsar a mobilidade eléctrica.