Un total de 3.124.950,36 euros. É o superávit co que pechou o exercicio 2015 o Concello de Pontevedra, segundo reflectiu o servizo de Intervención na liquidación do orzamento municipal. Ese diñeiro destinarase, maioritariamente, a novos investimentos e tamén a pagar parte da débeda municipal.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que o orzamento aprobado ascendía inicialmente a 69,5 millóns de euros, pero mediante unha serie de incorporacións e modificacións de crédito alcanzou os 78,64 millóns.
A execución do orzamento situouse no 92,5% e logrouse un remanente líquido de tesourería de 10.801.930,78 euros.
Con estes datos, o edil do BNG destacou que o Concello non entrou en inestabilidade financeira e cumpriuse o teito de xesto, quedando 1.240.000 euros por baixo do máximo legal.
Así, desde o goberno municipal destacan que o Concello de Pontevedra ten tesourería "suficiente" para facer fronte ás débedas e obrigacións financeiras pendentes, ao contar ao 31 de decembro de 2015 cun fondo líquido de 19 millóns de euros.
Ademais, González lembrou que se paga "puntualmente" aos provedores e que Pontevedra conta cunha das débedas máis baixas das capitais de provincia españolas cun 27,6% do orzamento.
En concreto, a débeda financeira situouse a final de ano en 18.083.441,32 euros.