Pontevedra permitirá que os furanchos abran en xullo se hai "circunstancias excepcionais"

Pontevedra
17 de outubro 2020

Así llo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, á Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra coa que mantivo unha xuntanza para analizar os cambios que se introducirán na normativa

Xuntanza do edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, cos furancheiros de Pontevedra
Xuntanza do edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, cos furancheiros de Pontevedra / Concello de Pontevedra

A pandemia da covid-19 afectou de cheo a actividade de moitos sectores, un deles o dos furanchos. A maioría deles apenas puido traballar este ano, xa que estes establecementos teñen o permiso de apertura limitado entre o 31 de decembro e o 30 de xuño.

Iso agora vai a cambiar. O goberno municipal de Pontevedra modificará a ordenanza que regula os furanchos do municipio e autorizará que poidan abrir durante todo o mes de xullo se existen "circunstancias extraordinarias" que alteren a súa actividade.

Así llo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, á Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra coa que mantivo unha xuntanza para analizar os cambios que se introducirán na normativa.

Para poder vender o excedente de viño da colleita propia, os propietarios dos furanchos solicitaran abrir a partir do 1 de decembro porque é un mes no que aínda ten bastante saída o viño ou ampliar o período de apertura ata o 31 de xullo.

O Concello desbotou a primeira opción porque decembro é un mes época do ano na que hostalería ten un importante movemento e os prexudicaría esta decisión, pero veu cos bos ollos a segunda proposta, sempre que existan circunstancias que o avalen.

A modificación da ordenanza incluirá, polo tanto, esa excepcionalidade á que se poderán acoller furanchos e loureiros para ampliar a súa apertura.