Pontevedra pide aos seus cidadáns "manter a calma" e estar "á altura das circunstancias"

Pontevedra
16 de marzo 2020

O goberno municipal quixo así facer un chamamento á cidadanía que, maioritariamente está a ter un comportamento "excepcional", para que entendan que "isto non son unhas vacacións" e que deben respectar as medidas de restrición impostas

Comparecencia por Skype de Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Comparecencia por Skype de Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / PontevedraViva

O Concello entende que todo o país atravesa "momentos díficiles" tras a declaración de estado de alarma ante o avance do coronavirus pero confía en que os cidadáns "manteñan a calma" e se comporten con "responsabilidade e solidariedade".

Así o manifestou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que explicou que é "importantísimo" que todos os pontevedreses "volvamos dar exemplo" e quedemos na casa ata que esta situación se resolva "para acabar co virus o antes posible".

"Temos que estar á altura das circunstancias", sinalou Gulías nunha comunicación vía Skype cos xornalistas. 

O goberno municipal quixo así facer un chamamento á cidadanía que, maioritariamente está a ter un comportamento "excepcional", para que entendan que "isto non son unhas vacacións" e que deben respectar as medidas de restrición impostas.

O domingo, primeiro día do confinamento decretado polo Goberno, só se multou a unha persoa que desobedeceu as ordes de corentena, aínda que o Concello recoñece que se viu obrigado a pechar a Illa das Esculturas ante a afluencia de numerosos pontevedreses.

Ademais, o Concello paralizou todas as actividades municipais, pechou as instalacións deportivas e sociais e clausurou, entre outros espazos, os parques infantís, áreas recreativas, praias e, en xeral, todos os lugares susceptibles de sufrir aglomeracións.

Anabel Gulías, a este respecto, felicitou o traballo realizado por todos os corpos de seguridade municipais e pediu aos cidadáns que "respecten" a todos os seus membros porque, lembrou, "están aí para garantir a seguridade de todos e todas".

Todos os servizos de emerxencia, lembrou Gulías, puxéronse ao dispor da Subdelegación do Goberno, xa que o real decreto que fixa o estado de alarma obriga a que este persoal estea coordinado desde o Estado.