Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar

Pontevedra
12 de maio 2014

O Concello recibiu autorización para incrementar o servizo de 27.500 a 33.000 horas, tal e como solicitara en febreiro de 2013. Permitirá incorporar o SAF da Lei de Dependencia entre 12 e 14 novos usuarios este mesmo ano

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar

O Concello de Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha atención suxeita á Lei de Dependencia sobre a que o Goberno local e o Partido Popular levan intercambiando acusacións varios meses

Segundo informou o Concello, este mesmo luns recibiron autorización para aumentar estas horas de servizo, un incremento para o que pediran permiso en febreiro de 2013 en función da importante demanda cidadá que tiña este servizo.

As 6.000 novas horas permitirán incrementar o servizo de 27.500 a 33.000 horas. Segundo as estimacións da concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, este aumento permitirá incorporar ao SAF da Lei de Dependencia entre 12 e 14 novos usuarios este mesmo ano.

O Servizo de Axuda no Fogar suxeito á Lei de Dependencia está cofinanciado entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, e o Concello de Pontevedra. O aumento de horas suporá un orzamento total de 494.340 euros, dos cales 320.000 euros serán aportados pola Xunta e 174.000 euros polo Concello. 

A concellaría considera esta autorización da Xunta unha boa noticia, aínda que critica que tardase máis de un ano en decatarse do "evidente incremento de usuarios susceptibles de acollerse á Lei de Dependencia".