Pontevedra prevé que a nova ordenanza de mobilidade estea en vigor en xuño

Pontevedra
18 de febreiro 2020

Os menores de quince anos -e non de doce- poderán, finalmente, ir en bicicleta polas beirarrúas e zonas peonís. É a principal novidade que incorporou a ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización de espazos públicos de Pontevedra, tras os trámites previos á súa aprobación

Sinal de 'zona 10' na rúa Michelena
Sinal de 'zona 10' na rúa Michelena / Cristina Saiz

Os menores de quince anos -e non de doce- poderán, finalmente, ir en bicicleta polas beirarrúas e zonas peonís. É a principal novidade que incorporou a ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización de espazos públicos de Pontevedra, tras os trámites previos á súa aprobación.

Así o explicou o goberno municipal, que avanzou que a ordenanza quedará aprobada, se non hai cambios de última hora, no pleno do próximo luns. A partir de aí quedará a exposición pública e haberá trinta días para presentar alegacións.

Durante este período, o Concello dará trámite de audiencia ás entidades sociais máis representativas do ámbito. No caso de que durante este período non se recibisen alegacións quedaría aprobada definitivamente e, se as hai, se resolverían nun seguinte pleno.

En todo caso, o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, estima que a nova ordenanza estará aprobada antes do verán.

Desde a presentación do borrador, o Concello recibiu varias suxestións a través da súa páxina web dun particular e do colectivo Pedaladas, así como achegas da Policía Local, dos servizos técnicos municipais e propostas referidas a elementos de deseño por parte da ONCE.

A ordenanza, no resto do seu contido queda como estaba. Deste xeito quedará reforzado o carácter de Pontevedra como cidade peonil e todos os espazos públicos terán preferencia para os peóns, excepto os reservados expresamente para a mobilidade motorizada.

Quedará establecida unha velocidade máxima de 30 quilómetros de hora para todo o municipio, límite que se reduce a 10 quilómetros no centro histórico ou zonas de plataforma única. Terán que respectar este límite todos os vehículos, incluídos bicicletas e patinetes.

Os vehículos de motor, bicicletas ou patinetes só poderán circular pola calzada e non poderán empregar as beirarrúas en ningún caso, baixo risco dunha multa de 200 euros, mentres que nas zonas de plataforma única deberán adaptar a súa velocidade ao paso do peón.

A única excepción a esta norma serán os menores de quince anos, que si terán autorizados ir coas súas bicicletas ou vehículos de mobilidade persoal polas beirarrúas; aquelas persoas que vaian en cadeiras de rodas motorizadas, que son asimilados en dereitos aos peóns; ou os vehículos de emerxencia ou de servizos públicos esenciais.

A futura normativa, que incluirá un réxime sancionador, regulará tamén o sistema de aparcamentos en toda a cidade, dotará ás pistas do rural dunha nova protección e prohibirá, entre outras cosas, que circulen os vehículos que teñan máis de dez metros ou pesen máis de dez toneladas, salvo que se autorice expresamente.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora