Pontevedra, primeira área sanitaria galega que trata a obesidade con gastroplastia endoscópica

Pontevedra
04 de marzo 2022

A través dun endoscopio e sen necesidade de efectuar cirurxía, este procedemento que dura arredor dos 45 minutos ten coma obxectivo reducir a capacidade gástrica do paciente, avanzando na consecución dunha sensación de saciedade

Equipo do Servicio do Aparello Dixestivo do CHOP que conseguiu o segundo premio Best in Class consecutivo
Equipo do Servicio do Aparello Dixestivo do CHOP que conseguiu o segundo premio Best in Class consecutivo / Sergas

O servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra converteuse no primeiro en Galicia en poñer en marcha unha nova técnica para o tratamento da obesidade: a gastroplastia endoscópica.

A doutora Victoria Sánchez, gastroenteróloga e subxefa deste servizo, explica que este procedemento "pretende encher un baleiro no tratamento da obesidade, enfocado a certos pacientes para os que ata o de agora non se dispoñía de opcións terapéuticas".

A través dun endoscopio e sen necesidade de efectuar cirurxía, a gastroplastia endoscópica, que dura arredor dos 45 minutos, ten coma obxectivo reducir a capacidade gástrica do paciente. A técnica avanza na consecución dunha sensación de saciedade, permitindo que persoas cun determinado grao de obesidade leven unha dieta de xeito cómodo e logren a perda de peso.

"Está demostrado que, nunha persoa con obesidade, a perda de máis do 10% do seu peso ten asociacións positivas. Con esta nova técnica falamos de perdas de ata o 18% do peso corporal" subliña a doutora Victoria Sánchez.

ÉXITO NAS PRIMEIRAS INTERVENCIÓNS

Neste procedemento intervén a Unidade de Obesidade, un equipo multidisciplinar composto por persoas profesionais da endocrinoloxía, cirurxía,  gastroenteroloxía, enfermería e especialistas en nutrición.

A doutora Leticia Rodríguez Cañete, endocrinóloga e experta en obesidade do Servizo de Endocrinoloxía de Pontevedra, indica que "aínda non dispoñemos de tratamentos farmacolóxicos contra a obesidade financiados polo Goberno central" e, debido a certas contraindicacións, hai moitos pacientes que non poden optar a outras técnicas coma a cirurxía bariátrica.

Por iso, dende a Unidade de Obesidade pontevedresa plantexáronse a oportunidade de introducir esta técnica. Este equipo asegura que nos vindeiros meses e tendo en conta o éxito das primeiras intervencións, ampliaráse o número de gastroplastias endoscópicas a efectuar.

"Galicia é unha das tres comunidades con maior porcentaxe de persoas con obesidade e atopamos moitos pacientes sen posibilidade terapéutica con alto grao de capacidade resolutiva, un colectivo para o que agora sí que haberá opcións de maior eficiencia" aclara a doutora Leticia Rodríguez Cañete.

Segundo sinalan desde este servizo hospitalario pontevedrés, a obesidade é unha enfermidade crónica cunha elevada prevalencia á que a pandemia da covid-19 afectou de xeito significativo.

O 39% da poboación mundial ten obesidade. En España, aínda que esa cifra cae ata ou 26%, é máis elevada no referente a obesidade abdominal.