Pontevedra protesta pola supresión das desconexións locais na Radio Galega

Pontevedra
04 de xuño 2018

O goberno municipal expresou este luns a súa oposición á decisión da dirección da CRTVG de suprimir as desconexións locais nos informativos da Radio Galega. A decisión, que será efectiva en setembro, reducirá a presenza de Pontevedra nas noticias da radio pública galega, segundo denuncian os sindicatos e os traballadores

Redacción da Radio Galega en San Marcos
Redacción da Radio Galega en San Marcos / CRTVG

O goberno municipal expresou este luns a súa oposición á decisión da dirección da CRTVG de suprimir as desconexións locais nos informativos da Radio Galega.

A decisión, que será efectiva en setembro, reducirá a presenza de Pontevedra nas noticias da radio pública galega, segundo denuncian os sindicatos e os traballadores, que iniciaron unha recollida de firmas para frear esta medida.

Varios concellos galegos, entre eles Vigo e Santiago, aprobaron xa diferentes mocións para mostrar o seu rexeitamento á redución da información local na Radio Galega. A eles súmase agora Pontevedra.

O Concello, a través da Xunta de Goberno, aprobou unha declaración institucional na que insta á CRTVG para manter estas desconexións, actualmente compartidas con Vigo, ao entender que a súa supresión atenta contra o dereito fundamental de acceso á información que debe primar nun servizo público como o que ofrece a Radio Galega.

O portavoz municipal, Raimundo González, engadiu que esta petición faise extensible á desaparición do Diario Cultural, como programa con entidade propia, da programación da radio pública galega.

Rexeitan así, dixo González, a presenza "residual" da información cultural que a Radio Galega ofrecerá aos seus oíntes para partir do próximo mes de setembro.

Desde a dirección da CRTVG negan que se vaia a suprimir o Diario Cultural ou as desconexións locais dos informativos e indican que en ambos os casos o que hai é un "cambio de estrutura" e que tanto a información cultural como local gañarán tempo de emisión ao longo de todo o día, incluído a fin de semana.