Pontevedra reciclou en 2019 máis de 3.000 toneladas de residuos, o maior dato en oito anos

Pontevedra
25 de xaneiro 2020

O papel e o cartón, que superou ao vidro, son os materiais que máis reciclan os pontevedreses. O goberno municipal valora "moi positivamente" estes datos e puxo o foco na concienciación cidadá e na "boa resposta" e a implicación da veciñanza neste incremento progresivo da reciclaxe

Contedor amarelo
Contedor amarelo / Mónica Patxot

Durante o ano 2019 en Pontevedra a recollida selectiva de vidro, envases lixeiros, papel e cartón situouse en 3.086,69 toneladas, a cifra máis alta desde o ano 2011. Así se recolle no informe emitido pola empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo.

O número de toneladas recollidas nos contedores de vidro, envases lixeiros e papel e cartón demostra que sigue a tendencia á alza no incremento da reciclaxe na cidade. Con respecto ao 2018, recolléronse 458,46 toneladas máis, o que supón un aumento de case un 20%.

Por tipo de residuo, o papel e cartón supuxo unha recollida de 1,178,59 toneladas fronte as 920 do ano anterior. Na fracción do vidro, que en 2018 chegou a 940 toneladas, acadou as 1.073,95 toneladas e os envases lixeiros foron 834,15 toneladas, case 66 máis.

O concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González valora "moi positivamente" estes datos e puxo o foco na concienciación cidadá e na "boa resposta" e a implicación da veciñanza neste incremento progresivo da reciclaxe.

González, ademais de destacar a evolución "constante" no incremento das toneladas recollidas durante os últimos catro anos -no ano 2016 foran 2.218,50 toneladas-, recordou que aparte destas tres fraccións de residuos, o Concello traballa no tratamento dos biorresiduos tanto nos composteiros individuais como nos centros comunitarios de compostaxe.

Esta evolución á alza na reciclaxe que se realiza a través dos contedores verde, amarelo e azul está acompañada dunha campaña de concienciación realizada polo Concello co obxectivo de incrementar a reciclaxe e situar a xestión dos residuos nas porcentaxes esixidas por Europa.

No caso dos residuos non orgánicos, o Concello ten implantado o servizo de recollida selectiva porta a porta de cartón e vidro para os establecementos comerciais da zona monumental, o que tamén se reflicte na evolución da recollida, segundo o goberno municipal.