Pontevedra recolle en Valencia o premio dos comerciantes españois ao centro histórico

Pontevedra
11 de xullo 2017

Un novo premio xa está nas mans do Concello de Pontevedra. É o que vén de concederlle a Asociación Española para la Gerencia de los Centros Urbanos (AGECU) pola peonalización do centro histórico. Ata Valencia viaxou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, en representación de Pontevedra, para recoller este galardón

Foto de familia dos premiados por AGECU en Valencia
Foto de familia dos premiados por AGECU en Valencia / Concello de Pontevedra

Un novo premio xa está nas mans do Concello de Pontevedra. É o que vén de concederlle a Asociación Española para la Gerencia de los Centros Urbanos (AGECU) pola peonalización do centro histórico. Ata Valencia viaxou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, en representación de Pontevedra, para recoller este galardón.

A edil estivo acompañada do presidente e secretario do Centro Comercial Aberto Zona Monumental, Miguel Lago e Ernesto Filgueira, respectivamente, ambos convidados polo Concello para recoller este galardón ao ser recoñecido precisamente o centro histórico.

Na súa intervención, Anabel Gulías destacou a importancia deste galardón que premia o modelo urbano de Pontevedra. Explicou aos presentes que toda a transformación urbana comezou hai 18 anos, precisamente polo centro histórico, contando co apoio dos comerciantes da zona monumental e dos seus veciños.

A responsable desta área da cidade sinalou que o cambio que viviu o centro histórico "demostrou que a calidade de vida dunha cidade transformada para os peóns é unha cidade exitosa no sector terciario", sendo o comercio local un dos motores da súa economía.

A AGECU concedeu a Pontevedra este premio á "Iniciativa de intervención no espazo urbano" debido, segundo o fallo do xurado, ao "proxecto de peonalización do centro histórico da cidade, que permitiu recuperar o espazo público para o cidadán e converter a Pontevedra nun modelo de referencia internacional a nivel de intervención urbana".

Esta asociación reúne a máis de 100 profesionais vencellados e comprometidos co comercio urbano e que constitúe un punto de encontro, unha rede profesional de debate e análise que tenta dar resposta a diversidade de situacións que teñen os centros urbanos no estado español.