Pontevedra reforzará o investimento nas súas zonas verdes para que sexan "dinámicas e modernas"

Pontevedra
26 de xaneiro 2020

O goberno municipal está decidido a iniciar unha "nova era" nas súas zonas verdes. Así o destaca o edil de Desenvolvemento Sostible, que considera que a conclusión do contrato de mantemento de parques e xardíns, actualmente en mans da empresa Ferrovial, é unha "oportunidade" para reforzar este servizo

Traballos de mellora dos xardíns de Casto Sampedro
Traballos de mellora dos xardíns de Casto Sampedro / Concello de Pontevedra

O goberno municipal está decidido a iniciar unha "nova era" nas súas zonas verdes. Así o destaca o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que considera que a conclusión do actual contrato de mantemento de parques e xardíns, actualmente en mans da empresa Ferrovial, é unha "oportunidade" para reforzar este servizo.

Así, fronte aos 700.000 euros que, aproximadamente, Pontevedra destina anualmente ao coidado das súas zonas verdes, o investimento a partir de 2020 superará o millón de euros.

Aínda que a Boa Vila seguirá por baixo do que destinan outras cidades a esta cuestión, Iván Puentes confía en que o aumento do orzamento, que situará o custo deste mantemento nun euro por cada metro cadrado -a media nacional é de 1,50 euros-, permita que Pontevedra conte con zonas verdes "dinámicas e modernas".

Os servizos técnicos do Concello están a traballar xa na elaboración dos pregos do novo contrato, que se prevé licitar o próximo verán. Ata entón, o goberno municipal optou por prorrogar o actual acordo con Ferrovial, que caducou en novembro.

Puentes, responsable de Medio Natural no goberno coaligado, explica que o aumento do custo deste contrato débese a que, desde a entrada en vigor do actual (2015), incrementáronse "notablemente" as zonas verdes na cidade.

Ademais, lembra que a Illa das Esculturas é un parque "moito máis urbano que antes" e que o Concello, ao longo destes catro anos, foi recibindo parcelas "que temos que manter" con cada promoción inmobiliaria que se desenvolveu na cidade.

Neste novo contrato, por tanto, o Concello pretende incorporar estes novos espazos públicos, que terán "tratamentos diferenciados", xa que mentres algunhas parcelas só serán limpadas e rozadas "regularmente", no resto "na medida do posible", segundo o edil socialista, terán novos deseños a base de plantas, flores e árbores.

Os pregos, en principio, manterán o persoal do servizo en trece traballadores, aos que se suman os oito que forman parte da brigada municipal de parques e xardíns, aínda que Iván Puentes confía en que as empresas que opten a esta licitación oferten novas contratacións para asegurarse a adxudicación deste contrato.

Dentro do compromiso de loita contra o cambio climático, o goberno municipal prevé ademais incluír o desenvolvemento sustentable como unha das bases do mantemento dos seus xardíns, entre outras cuestións, para reducir a pegada de carbono na cidade e evitar o uso de produtos químicos ou pesticidas.