Un total de 20 axencias de viaxes toda España, acompañadas por representantes das axencias locais e da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra, participan desde este venres no Fam trip que organiza o Concello no marco do Plan Supera en colaboración coa Asociación provincial de axencias de viaxe.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, déronlle a benvida aos participantes este sábado nun workshop no Galicia Palace e enmarcaron esta iniciativa no compromiso do goberno municipal de incentivar o dinamismo económico na cidade.
Lores destacou especialmente o compromiso referido ao sector turístico para a organización de xuntanzas de traballo e eventos de promoción específicos para este sector e de incluílos no Plan de reactivación económica ‘Supera 21’.
O alcalde falou tras unha presentación da presidenta da asociación provincial de axencias de viaxes, Mar Rodríguez, e centrouse en salientar os recursos culturais e turísticos de Pontevedra, ao tempo que puxo en valor a singularidade da cidade en relación ao seu modelo urbano, por ser un referente de cidade amable e da calidade de vida que ofrece para veciñanza e visitantes.
Na súa intervención, tamén fixo referencia aos recursos turísticos do conxunto das Rías Baixas e convidou ás axencias estatais a que considerasen Pontevedra como un destino de turismo de calidade “porque non decepcionaría senón todo o contrario”.
Durante tres días, os participantes percorrerán distintos puntos de Pontevedra e da contorna, acompañadas por axencias de viaxes pontevedresas e polos hoteleiros da cidade.
No programa de actividades contémplanse visitas á senda do río Gafos, como alternativa ao Camiño portugués; as sendas do Lérez; os xardíns do pazo de Lourizán, e un percorrido pola cidade que inclúe San Domingos, A Peregrina, Santa María e o Museo Provincial.
Todos os xantares deste programa vanse realizar en locais da hostalería de Pontevedra para dar a coñecer a variedade gastronómica da cidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.