Pontevedra rexistra 59 positivos por coronavirus, once no hospital e 48 nos seus domicilios

Pontevedra
19 de marzo 2020

De todos estes casos activos, asegura o Sergas, non hai ningún ingresado na UCI. Once están hospitalizados en planta, dez en Montecelo e un no Hospital do Salnés. O resto, outras 48 persoas están nos seus respectivos domicilios

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

O número de pacientes que deron positivo por coronavirus creceu ata os 59 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son once máis que no último reconto, realizado hai apenas 24 horas, segundo informou o Servizo Galego de Saúde.

De todos estes casos activos, asegura o Sergas, non hai ningún ingresado na UCI. Once están hospitalizados en planta, dez en Montecelo e un no Hospital do Salnés. O resto, outras 48 persoas están nos seus respectivos domicilios.

En toda Galicia, os infectados por coronavirus ascenden a 444 e a área da Coruña, con 136 casos, acumula a maior parte deles. Séguelle Vigo con 84, Santiago con 68, Pontevedra con 59, Ourense con 46, Lugo con 36 e Ferrol con 15.

Quince galegos están na UCI por coronavirus, 99 están en unidades de hospitalización e 330 no domicilio. Por agora, en Galicia recuperáronse xa catro pacientes, que recibiron o alta, e faleceron cinco pacientes

O último falecido nun home de 75 anos, con patoloxías crónicas previas, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O Sergas lembra que está ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

Ademais, reiteran que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsellan utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.