Pontevedra rexistrou unha ocupación hoteleira do 40% en decembro

Pontevedra
09 de xaneiro 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este luns o expediente para contratar o servizo de redacción e elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas

Carmela Silva e Santos Héctor
Carmela Silva e Santos Héctor / Mónica Patxot

O pasado mes de decembro a provincia de Pontevedra mantivo unha ocupación hoteleira do 30%, seis puntos por riba de decembro de 2015, superando o 50% de ocupación na ponte da Constitución.

Por comarcas, Pontevedra acadou unha porcentaxe de ocupación do 40% en decembro. E no caso dos establecementos de turismo rural a ocupación en decembro quedou preto do 30% en Pontevedra.

En canto ó perfil da e do turista que visitou as Rías Baixas durante o pasado mes de decembro, o 80% procedían do noso país, e os extranxeiros proviñan maioritariamente de Portugal e do Reino Unido, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, que se aloxaron en hoteis de Vigo, Sanxenxo e Pontevedra entre 4 e 6 días, chegaron ata a provincia de Pontevedra empregando as estradas e o avión e o principal motivo polo que nos visitaron é o ocio en xeral (43%).

O 53% das persoas que nos visitaron non coñecían a nosa provincia, é dicir, trátanse de novos turistas.

PLAN ESTRATÉXICO DE TURISMO

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno celebrada este luns aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de redacción e elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2017-2020, dotado cun orzamento de 78.650 euros e cun prazo de 6 meses de elaboración dende a sinatura do contrato.

Carmela Silva asegurou que as empresas que se presenten ó concurso deben realizar un diagnóstico da situación actual do sector realizando un traballo de campo coas empresas privadas para coñecer as súas necesidades e expectativas; e tamén terán que analizar as características da demanda turística, da oferta e infraestruturas e dos servizos turísticos, así como da competencia e da cadea de valor. 

En canto á formulación estratéxica, as empresas deberán definir as liñas de traballo para o turismo das Rías Baixas e as accións a acometer nos próximos tres anos, e na fase de conclusións incluirán tanto o orzamento de implantación e a estratexia de financiamento do plan estratéxico como a elaboración dun cadro de mando para o seu seguimento e un plan de comunicación para relanzar a imaxe de Rías Baixas.

A previsión é que o plan estratéxico comece a implantarse no segundo semestre deste ano.