Pontevedra seguirá financiando as Anpas e garantirá a continuidade do servizo de comedor

Pontevedra
27 de xullo 2015

 Fouces anunciou esta decisión este luns tras reunirse con directivos da Fanpa. Está apoiada nunha comunicación recibida nos últimos días da Xunta de Galicia. O Concello decidira pedir autorización para seguir prestando estes servizos e agora ten unha resposta que, malia ser "un pouco ambigua", lle permite seguir adiante coas súas intencións

Reunión de Carmen Fouces con membros da directiva da FANPA
Reunión de Carmen Fouces con membros da directiva da FANPA / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra manterá o próximo curso escolar os dous convenios que subscribía anualmente coa Fanpa (Federación de Anpas) e a liña de axudas ás Anpa dos centros educativos que mantiña dende hai anos. Farao a pesar de que a Lei de racionalización e reforma da Administración local reduciu as competencias dos concellos en materia educativa e imposibilita que asuman calquera actuación a maiores das obras de conservación e mantemento de colexios.

O presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, aplaudiu a medida e agradeceu o xesto do Concello no medio dun contexto de "desmadre lexislativo que non sabemos a onde conduce". Estes convenios coa Federación garanten a continuidade de servizos como os comedores escolares, aos que acoden entre 1.000 e 1.300 alumnos, e as ludotecas de Nadal e verán, das que se benefician uns 1.500 escolares.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces, anunciou esta decisión este luns tras reunirse con directivos da Fanpa. Está apoiada nunha comunicación recibida nos últimos días da Xunta de Galicia. O Concello decidira pedir autorización á Administración autonómica para seguir prestando estes servizos que asumían antes da reforma legal e agora ten unha resposta que, malia ser "un pouco ambigua", lle permite seguir adiante coas súas intencións.

"Non é un si rotundo, pero se non nos di que non, entendemos que si. Imos obviar a ambigüidade", indicou Fouces, que agradece a rapidez da Xunta na súa resposta. "Foron dilixentes" e responderon o 14 de xullo a unha carta remitida polo Concello tan só seis días antes, o 8 de xullo.

Fouces engade que dende o Concello necesitan que a Xunta sexa máis clara na súa resposta, de aí que xa anuncie que o próximo ano volverán poñerse en contacto coa Administración autonómica. De momento, están xa a preparar os convenios e liñas de subvencións.

As axudas que se conceden ás Anpa atrasaranse en relación cos prazos que se manexaban en anos anteriores. Segundo explicou, é necesario revisar as bases e "ata xaneiro probablemente non será efectiva a nova convocatoria de subvencións". Iso si, están dispostos a estudar casos concretos de asociacións que teñan dificultades económicas para facer fronte aos seus gastos para poder botarlles unha man.

O Concello asina coa Fanpa un convenio de 206.000 euros que permite a posta en marcha dos comedores escolares e o Plan Madruga, unha colaboración coa asociación de TDH, actividades coas familias e o propio funcionamento da Federación. A maiores, subscribe un segundo acordo de 50.000 euros que se destina ás ludotecas de verán e Nadal e ás bolsas de comedor.