Pontevedra, segura de que as futuras lagoas artificiais de Valdecorvos acabarán cos asolagamentos en Fernando Olmedo

Pontevedra
10 de marzo 2023

Controlar o rego de Valdecorvos, segundo entenden os técnicos, é a clave para acabar cos reiterados asolagamentos que se producen na rúa Fernando Olmedo nos períodos de abundantes choivas. Así o sostén o proxecto que o Concello lles presentou aos veciños. Foi no transcurso dunha asemblea celebrada na sede de Cruz Vermella

Reunión de Iván Puentes, Manuel Fontán e Ángel Colsa cos veciños de Fernando Olmedo
Reunión de Iván Puentes, Manuel Fontán e Ángel Colsa cos veciños de Fernando Olmedo / Concello de Pontevedra

Controlar o rego de Valdecorvos, segundo entenden os técnicos, é a clave para acabar cos reiterados asolagamentos que se producen na rúa Fernando Olmedo nos períodos de abundantes choivas. Así o sostén o proxecto que o Concello lles presentou aos veciños.

Foi no transcurso dunha asemblea celebrada na sede de Cruz Vermella, na que o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, detallou unha actuación "factible" que conta cun orzamento duns 700.000 euros e que está avalada por Augas de Galicia.

As inundacións "non son algo inevitable", sostén o concelleiro socialista, que asegura que estes episodios "podemos palialos e evitalos na meirande parte dos casos".

O proxecto, segundo o redactor do plan, Ángel Colsa, aposta por crear dúas lagoas artificiais no parque de Valdecorvos, que asumirían e reterían o incremento de auga pola coincidencia da marea chea na ría e no río Lérez e un incremento repentino de caudal no rego de Valdecorvos, "provocado por unha choiva forte e acumulada en moi pouco tempo".

Unha vez que baixe a marea, a auga das lagoas podería volver ao rego de Valdecorvos e liberarse de xeito controlado ao Lérez. 

Este sería, destacou Iván Puentes, o primeiro sistema urbano de drenaxe sostible de Galicia, un método "perfectamente compatible" co respecto á natureza e que mellorará de "xeito notable" a paisaxe e a biodiversidade desta zona verde, gañando un par de lagoas.

A intervención prevista xeraría unha zona de inundación controlada cunha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados e unha profundidade neta acumulada de 1,5 metros. 

Complementariamente, recuperaríase o trazado natural da canle na zona augas arriba das lagoas, eliminando a súa canalización actual e recuperando meandros, pozas e saltos naturais.

O proxecto tamén porá en valor o parque de Valdecorvos, xerando zonas verdes arredor das lagoas e transformando a actual senda nun grande parque urbano.

Ademais de renaturalizarse o rego, recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes, fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia, e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.

Na zona alta do treito recuperarase o trazado da canle antiga, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de salgueiro e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe.

Pola súa banda, na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería e na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.