Unha delegación da cámara municipal de Paços de Ferreira visitou este mércores Pontevedra para comprobar a súa transformación urbana, na busca de inspiración para o seu propio proceso de cambio e propoñer posibles actuacións para o seu territorio.
A comitiva recibiu unha sesión divulgativa nas dependencias do Concello, para logo dar unha volta pola cidade acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.
Interesados no modelo de cidade e nas características propias do urbanismo e a mobilidade na cidade, o presidente da cámara municipal, Humberto Brito, xunto con diferentes técnicos e responsábeis políticos, coñeceu de primeira man os resultados obtidos na Boa Vila.
Fernández Lores sinalou que sempre estará "encantado" de recibir visitas desta clase, lembrando que son moitos os presidentes das cámaras de Portugal que queren coñecer a vila e que mesmo existe unha asociación entre cidades, de recente creación, moi semellante á de Cidades que Camiñan, da que Pontevedra forma parte e preside na actualidade.
Pola súa banda, Brito sinalou que foi toda unha sorte visitar a cidade e coñecer deste xeito todo o traballo realizado en favor da mobilidade sostíbel e dos peóns.
"É unha cidade innovadora á hora de favorecer as persoas por riba dos coches", explicou, tras detallar que "nós estamos nun proceso tamén de transformación da cidade polo que queremos devolverlle o espazo público ás persoas".
De aí que considere que "é unha experiencia moi positiva ver dun xeito tan directo os resultados dun proceso deste tipo".
O presidente da cámara portuguesa indicou que unha das cousas que máis lle chamou a atención de Pontevedra foi a cantidade de xente que está na rúa gozando desta, sexa paseando, falando ou calquera outra actividade, sempre con tranquilidade e dun xeito seguro.
"É algo que me xera unha sensación agradábel e que me emociona", concluíu.