Pontevedra solicita un préstamo de 1,4 millóns de euros para financiar obras no rural

Pontevedra
03 de xuño 2019

O goberno municipal iniciou os trámites administrativos para solicitar un novo préstamo de 1,4 millóns de euros. En concreto, destinaranse a obras de mellora da accesibilidade no rural. Ao diñeiro que recibirá desta operación bancaria, o Concello sumará outros 300.000 euros de fondos propios

Entrada ás dependencias do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Entrada ás dependencias do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O goberno municipal iniciou os trámites administrativos para solicitar un novo préstamo de 1,4 millóns de euros. Trátase dun diñeiro que o Concello utilizará para acometer os investimentos previstos no seu orzamento para 2019.

En concreto, destinaranse a obras de mellora da accesibilidade no rural. Ao diñeiro que recibirá desta operación bancaria, o Concello sumará outros 300.000 euros de fondos propios.

O alcalde, mediante un decreto asinado nos últimos días, aprobou o prego de cláusulas administrativas que rexerán a contratación deste préstamo.

O prazo desta operación fíxase en doce anos, cunha carencia de dous anos. O período de amortización, por tanto, será de dez anos.

As entidades bancarias que queiran ofertar este préstamo terán un prazo de quince días para presentar as súas propostas, a contar desde a publicación desta contratación no Boletín Oficial da Provincia.