Pontevedra sufriu un recorte de 24 efectivos do persoal encargado da expedición do DNI

Pontevedra
29 de xuño 2017

A provincia de Pontevedra é a máis afectada polos recortes do persoal desde 2011, cunha perda de 24 efectivos, o que supón o 43% dos efectivos recortados en Galicia

Nova oficina de expedición do DNI na rúa Fernández Villaverde
Nova oficina de expedición do DNI na rúa Fernández Villaverde / Mónica Patxot

Unha resposta do Goberno a preguntas parlamentarias realizadas polo deputado socialista por Pontevedra Guillermo Meijón confirma que o número de efectivos destinados nas Unidades de Documentación de Españois (UDE) e de Españois e Estranxeiros (UDEYE), incluídos os equipos móbiles, pasou en Galicia de 169 a 113. Isto é, 56 efectivos menos desde o ano 2011 ao ano 2016.

A resposta do Goberno contempla que a redución máis importante en número afectou á provincia de Pontevedra, onde o cadro de persoal pasou de 62 a 38  membros. "Unha perda pois de 24 postos de traballo", lamenta Meijón.

"Así, non é de estrañar as longas colas que se producen nas oficinas destinadas á renovación do DNI e que, nos últimos anos, acumulan tardanzas nas citas, eliminación de quendas e colas nas rúas", resaltou o deputado socialista.

Meijón avanza que o grupo parlamentario socialista presentará novas iniciativas co fin de conseguir do goberno a reversión destes axustes "para ofrecer á cidadanía un servizo eficaz, eficiente e de calidade".