Pontevedra, última parada da exposición '100% María. O teatro é o refuxio'

Pontevedra
07 de outubro 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a última parada desta obra que chega no marco da conmemoración do centenario do nacemento da actriz, que será o vindeiro mes de novembro  

A exposición itinerante '100% María. O teatro é o refuxio', promovida pola Xunta de Galicia, presentouse este venres en Pontevedra tras o seu paso por Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense. 

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a última parada desta obra que chega no marco da conmemoración do centenario do nacemento da actriz, o vindeiro mes de novembro.

Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou que a exposición poderá verse na praza de España ata o vindeiro 2 de novembro.

"Trátase dunha iniciativa coa que levamos a figura de María Casares por todo o territorio co fin de que os galegos comprendan a súa importancia para o teatro galego, español e europeo", salientou.

Anxo M. Lorenzo engadiu que esta planificación é unha "magnífica oportunidade para afondar nas diferentes facetas profesionais da actriz e darlle toda a visibilidade que merece a súa traxectoria", con actividades que inclúen desde exposicións a conferencias e proxectos escénicos e audiovisuais, entre outras propostas.

'!00% María. O teatro é o refuxio" está comisariada por Arancha Estévez Lavandeira e artéllase arredor de cinco grandes paneis impresos por ambas caras que tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional.

Inclúen a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén o exilio a París, a súa experiencia na gran pantalla, a relación con Albert Camus e a súa entrega ao teatro e cine. Continúa o percorrido pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos.

O último panel, baixo o nome 'Con Galicia quero estar en desorde…', céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.