Pontevedra está, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, "na vangarda das cidades comprometidas co planeta". De aí que a cidade fora invitada a participar no Cumio Mundial do Clima de París. Cara a capital francesa viaxará nas próximas horas o alcalde para estar presente nun acto que, sinalou este mércores, para a capital do Lérez "é un feito importante, unha proxección máis da cidade".
Será unha das localidades de todo o mundo que asinarán a súa adhesión a unha rede de cidades comprometidas co medio ambiente e que se destacaron nos últimos anos por apostar por medidas que, entre outras cuestións, axuden a reducir as emisións contaminantes á atmosfera e combater os efectos do cambio climático.
Esta invitación chega da man de Michael Bloomberg, enviado especial de Nacións Unidas para as cidades e o cambio climático, e da propia alcaldesa de París, Anne Hidalgo. Ambos asinan a carta remitida a Miguel Anxo Fernández Lores, ao que convidan a participar neste cume que busca empoderar aos gobernos e ás comunidades para establecer obxectivos máis ambiciosos nesta materia.
As cidades integradas nesta rede comprométense, entre outras actuacións, a adoptar medidas para reducir as emisións de gases contaminantes á atmosfera, limitar a súa vulnerabilidade desde o punto de vista ambiental e sentar as bases para fortalecer a resistencia global contra o cambio climático. Todo iso, ademais, rexistrando todos os progresos que se vaian facendo para un posterior estudo conxunto.
Pontevedra acode á cita, apuntou Fernández Lores, tras ter realizado unha profunda transformación relacionada co modelo de mobilidade nos últimos 15 anos, que supuxo un aforro dun 66% na emisión de gases provocados polos combustibles dos automóbiles. Este aforro enerxético realizouse grazas ás grazas ás políticas de diminución do uso do coche privado e da promoción dos desprazamentos a pé e en bici, que hoxe acadan o 72% do total.
"Estou orgulloso de que Pontevedra poña o seu gran de area na mellora global do planeta", afirmou Miguel Anxo Fernández Lores, que recordou que a cidade xa cumpre os 365 días do ano cos parámetros ambientais marcados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).