Até os 84.468 habitantes creceu a cidade de Pontevedra en 2024. Por segundo ano consecutivo, a Boa Vila gaña peso poboacional. Así o rexistran os datos do padrón municipal que, a 31 de decembro, acreditan esta recuperación.
Así, 2024 pechou en Pontevedra con 138 cidadáns máis que o ano anterior. A cidade achégase así á súa marca histórica, as 84.830 persoas que estaban censadas ao concluír o ano 2020.
De todos os cidadáns e cidadás que habitan en Pontevedra, 44.495 son mulleres, un 52,67% do total, e 39.973 son homes. Un total de 78.689 residentes son de nacionalidade española, mentres que os 5.779 restantes proceden de países estranxeiros.
Esta última cifra, ademais, supón o máximo histórico de emigrantes doutras nacionalidades que houbo xamais en Pontevedra. Son catrocentos máis que en 2023 e mil máis que en 2022.
A chegada destes cidadáns estranxeiros é clave no crecemento de Pontevedra.
O saldo demográfico segue sendo negativo, xa que os nacementos (492) non logran compensar os falecementos (771), polo que o aumento poboacional susténtase coas persoas que viñeron a residir a Pontevedra procedentes doutros municipios ou países.
A 31 de decembro de 2024, había 454 pontevedreses que tiñan menos de 1 ano. É, en todo caso, a segunda menor cifra de toda a serie histórica, superando unicamente aos 435 que había na cidade apenas un ano antes, a finais de 2023.
O padrón revela tamén que, aínda que cun crecemento máis tímido, cada vez máis pontevedreses residen, como era de esperar, no centro urbano. Nel, hai inscritas 64.979 persoas, o que supón case oito de cada dez habitantes do municipio (un 76,92%).
O resto, 19.489 habitantes, repártense entre as quince parroquias do rural. A pesar do incremento global de residentes en todo o municipio, son 93 menos que ao peche do ano 2023.

Lourizán é a parroquia que, máis claramente, inviste esta tendencia. Crece por cuarto ano consecutivo, neste caso até os 3.013 habitantes (+54), sendo a zona rural máis poboada.
Tamén creceron os residentes en Tomeza, con 964 (+24); Campañó, con 1.823 (+18); Ponte Sampaio, con 1.019 (+3) ou Alba, con 684 (+3).
Pola contra, outras dez parroquias perderon habitantes en 2024. As maiores caídas rexístranse en Marcón, con 1.910 (-48); Lérez, con 1.621 (-45); e Salcedo, con 2.159 (-40).
A elas súmanse Santa María de Xeve, con 763 (-22); Mourente, con 1.982 (-19); Verducido, con 877 (-11); Santo André de Xeve, con 1.012 (-5); Cerponzóns, con 697 (-4); A Canicouva, con 235 (-3); e Bora, con 730 (-2).