Pontevedra volverá facer memoria o 12 de novembro para lembrar os fusilados do 36

Pontevedra
11 de novembro 2018

José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, Víctor Casas, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luís Poza, Benigno Rey e Juan Rico recibirán digna homenaxe no 82 aniversario do seu fusilamento por defender o goberno lexítimo da República, a democracia e a Galicia  

Monumento en memoria dos fusilados o 12-N
Monumento en memoria dos fusilados o 12-N / Mónica Patxot

O avogado José Adrio Barreiro, o mestre Germán Adrio Mañá, o médico Telmo Bernárdez Santomé, o médico Amancio Caamaño Cimadevila, o xornalista Víctor Casas Rey, o mestre Paulo Novás Souto, o impresor Ramiro Paz Carvajal, o médico Luís Poza Pastrana, o mestre Benigno Rey Pavón e o capitán da garda de asalto Juan Rico González.

Dez nomes que xa son de sobra coñecidos en Pontevedra vencellados á triste historia da Guerra Civil e do ano do seu inicio, 1936, pero que nunca está de máis recordar. Eles son os dez que foron fusilados o 12 de novembro de hai 82 anos por defender o goberno lexítimo da República e os intereses da democracia e de Galicia e este ano volverán ser o centro da homenaxe organizada polo Concello de Pontevedra no día do seu asasinato. 

Como xa ven sendo habitual cada 12-N desde hai 19 anos, organízase un acto de recordo e de memoria no monumento que lembra as vítimas do fascismo na rúa Doce de Novembro. Nesta ocasión, a cita será este luns 12 ás 20.00 horas. 

Este acto de memoria e recordo empezou a organizarse no ano 1999 coa chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á Alcaldía e supón unha mostra de compromiso coa democracia, Galicia e a República e unha condena ao fascismo que os asasinou a eles e a centos de homes de mulleres que compartiron a súa causa.

Como nas edicións anteriores, as familias serán as protagonistas da homenaxe, na que ademais das intervencións institucionais haberá música e unha ofrenda floral.

Cabe lembrar que os dez foron sometidos a xuízo sumarísimo e condenados a morte por rebelión militar por defender a legalidade democrática a través do Comité en Defensa da República, con sede no Goberno Civil. Logo duns días de angustia e incertidume, foron fusilados na Caeira diante do mesmo piñeiro no que o 17 de agosto fora asesinado Alexandre Bóveda, acusado do mesmo delito de rebelión.