A campaña solidaria de Nadal (en)Volve que, como en anos anteriores, puxo en marcha a Fundación Meniños para garantir que ningún menor pontevedrés quede sen agasallo de Nadal porque a súa familia careza de recursos está a ter este ano unha boa acollida de récord. Segundo deu a coñecer o Concello, hai máis persoas que se ofrecen a ser cómplices dos Reis Magos que menores que o precisen.
A campaña, impulsada pola Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños, púxose en marcha hai apenas tres semanas e xa conta con 526 cómplices adheridos. Ademais, 219 deses cómplices xa entregaron os agasallos que os menores de familias con escasos recursos pediron nas súas cartas.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, destacou este venres que a xenerosidade da cidadanía é tan grande que o número de cómplices supera mesma ao de cartas recibidas (polo momento, 436 misivas).
O coordinador de Meniños, Roberto Antón, salienta que en 2019 se chegou aos 588 rapaces e este ano, ata o de agora, hai 494 demandantes. Na súa opinión, "o máis chamativo é que teñamos máis xente disposta a colaborar que cartas recibidas: é bo sinal, xa que en principio significaría que o precisan menos”.
A campaña púxose en marcha este ano antes do habitual para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para todas as persoas implicadas. Este ano, como novidade, só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.
Todas as persoas que estean interesadas en converterse en cómplices dos Reis Magos deberán encher un formulario que poderán descargar nesta ligazón.
Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños estarán á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72 para resolver dúbidas.