Pontevedra xubila o seu 'ollomóbil' e ultima un novo sistema para controlar os aparcamentos

Pontevedra
15 de setembro 2021

Tras numerosas avarías e todo un verán apartado das rúas da cidade, o goberno municipal de Pontevedra decidiu xubilar o seu 'multa móbil', o vehículo coñecido popularmente como 'ollomóbil'. Iso si, están a ultimar un novo sistema de control para aparcamentos reservados

O 'multamóbil' (ollomóbil) vixiando o uso dos aparcamentos na Praza de Barcelos
O 'multamóbil' (ollomóbil) vixiando o uso dos aparcamentos na Praza de Barcelos /

Tras numerosas avarías e todo un verán apartado das rúas da cidade, o goberno municipal de Pontevedra decidiu xubilar o seu 'multa móbil', o vehículo coñecido popularmente como 'ollomóbil'. Iso si, están a ultimar un novo sistema de control para aparcamentos reservados.

O sistema actual só permitía o seu uso nun vehículo concreto, pero a nova ferramenta da Policía Local poderá colocarse en calquera coche patrulla.

O seu funcionamento, segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, será o mesmo. Haberá persoal específico para cubrir este servicio, a través do coche patrulla, co obxectivo de regularizar todas as zonas de aparcadoiros, carga e descarga e zonas de servizos.

Así, o Concello non estará obrigado a mercar un novo vehículo especial para o seu transporte e uso, polo que resultará máis barato que a compra do 'ollomóbil' no seu momento.

O investimento para este novo sistema, intercambiable entre vehículos, foi de preto de 15.000 euros e comezará a funcionar nas próximas semanas.