Pontevedra xunta estudantes de cinco países europeos que colaboran nun proxecto sobre emigración

Pontevedra
23 de outubro 2018

Medio cento de mozos e mozas de cinco países europeos, entre eles alumnos do instituto Luis Seoane de Pontevedra, traballan de maneira conxunta nun proxecto comunitario sobre o impacto da emigración na xuventude

Recepción aos alumnos de cinco países europeos que traballan sobre a emigración
Recepción aos alumnos de cinco países europeos que traballan sobre a emigración / Mónica Patxot

Medio cento de mozos e mozas de cinco países europeos, entre eles alumnos do instituto Luis Seoane de Pontevedra, traballan de maneira conxunta nun proxecto comunitario sobre o impacto da emigración na xuventude.

Xunto cos rapaces do centro pontevedrés, participan alumnos de Alemaña, Portugal, Romanía e Grecia. Todos eles están a pasar unha semana na cidade e foron recibidos na Casa da Luz pola concelleira de Educación, Carmen Fouces.

O proxecto, que nace ao abeiro do programa Erasmus+, está coordinado por Alemaña. Ten unha duración de dous anos e inclúe a mobilidade dos participantes polos distintos centros implicados, onde traballarán aspectos sectoriais.

Os centros que participan son o Gymnasium Neue Oberschule (Alemaña), o EBI Francisco Ferreira Drummond-Açores (Portugal), o Colegiul Economic Buzau (Romanía), o IES Luis Seoane (España) e o 3 Gymnasio Kalamatas (Grecia).

Os rapaces e rapazas visitantes, de 14 e 15 anos, convivirán durante unha semana en Pontevedra co IES Seoane como anfitrión.

Nese tempo analizarán as dificultades legais que enfrontan os migrantes para acceder á educación ou á sanidade, ou os factores de atracción e repulsión dos países cara a emigración. 

A sección pontevedresa do proxecto está coordinado pola profesora Henar Rodríguez. 

Pontevedra é a terceira parada dos estudantes. Antes estiveron en Portugal e Grecia, onde traballaron sobre a emigración no pasado e a emigración no presente: os refuxiados. Por diante quedan as estancias en Romanía e Alemaña.