Con motivo de conmemorar o Día Mundial da Radio, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (FCSC) convidou os redactores de PontevedraViva, Marisa Ciordia e Diego Espiño, a un encontro co alumnado que tivo lugar a mañá do 13 de febreiro. Tamén se quixo utilizar a xornada para dar a coñecer a radio universitaria El Escaparate, formada por 24 estudantes do campus.
O coloquio tivo como obxectivo ensinar aos interesados o proceso de creación dunha radio online, favorecido pola democratización da Internet e os poucos recursos necesarios para a súa posta en marcha en comparación coa radio tradicional.
Á súa vez, Espiño e Ciordia, responsable de PontevedraViva Radio, quixeron destacar o "amplo espectro" que cobren os proxectos online e máis concretamente a radio, que atopa nos mozos o seu público principal. Aínda que o consumo radiofónico por Internet non aumenta ao mesmo nivel que o escrito, incidiron en que os estudantes "non teñan medo a probar".
Unha vez finalizado o encontro, continuouse a celebración cun concerto e un xantar gratuíto para así coller forzas para unha tarde de gravación en directo que empezaría ás 16:30 horas a cargo de El Escaparate.
A iniciativa, que comezou a súa andaina en marzo do 2016, busca crear podscast atemporales para non limitar o seu consumo e enfocan o seu futuro á procura de entrevistas a "persoas de certo nome ou relevancia", segundo as palabras de Carol Buceta, produtora do magazín.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.