Música, cociña e piragüismo para comezar un Ponteverán con máis de 80 inscritos nas súas primeiras actividades

Pontevedra
30 de xuño 2025

Ao longo do verán ofertarán 18 propostas diferentes e gratuítas organizadas en 20 quendas. Haberá en total 600 vacantes para persoas de entre 4 e 25 anos empadroadas na cidade

Actividade de Ponteverán no río Gafos
Actividade de Ponteverán no río Gafos / Concello de Pontevedra

A nova edición de Ponteverán dá o pistoletazo de saída este luns, 30 de xuño, con máis de 80 participantes nas súas primeiras actividades.

Este ano, o programa ofrecerá 600 vacantes até o 31 de agosto, cun total de 18 propostas diferentes organizadas en 20 quendas, todas elas gratuítas para os empadroados na cidade con idades comprendidas entre os 4 e os 25 anos.

O concelleiro de mocidade, Demetrio Gómez, xa adiantara na presentación do programa que se trata de 87 xornadas de actividade distribuídas en 63 días de verán.

"O ano pasado ocupamos o 97% das prazas ofertadas e nun 62% delas houbo que facer sorteo por mor da alta demanda e das listaxes de espera", lembrou Gómez.

O edil engadiu que "ninguén terá a sorte de asistir a dúas, porque unha vez que che toca un, excluímosche das outras listas".

Ademáis, en Ponteverán terán prioridade as nenas e nenos empadroados en Pontevedra fronte aos doutros concellos, que só poderán asistir no caso de prazas vacantes.

Entre o luns 30 de xuño e o sábado 5 de xullo, poranse en marcha 5 das 18 propostas previstas.

Serán o campamento urbano 'Xogando coa música' impartido por Bonnie Cooper, o taller de cociña 'Cociña de aquí e de alá' con Marisa Maquieira, ou o curso de 'Iniciación ao piragüismo' co Club de Piragüismo de Ponche Sampaio.

Os nenos e nenas tamén poderán adquirir coñecementos de LibreOffice co taller de informática e aprenderán dentrocronología con 'As historias que contan os aneis das árbores' da man do especialista Manuel Souto Herrero.