O grupo municipal do Partido Popular de Vilagarcía de Arousa pediu á Xunta de Galicia e ao Concello que actúen con "responsabilidade" en relación co CEIP A Lomba.
Demandan os 'populares' que ambas as administracións traballen de forma conxunta para resolver canto antes os problemas detectados na fachada do CEIP A Lomba, tras os recentes desprendementos.
A portavoz local do PP, Ana Granja, subliña a necesidade de "diálogo e cooperación institucional" e reclama que ambas as administracións senten e busquen unha "solución rápida" que garanta a seguridade do alumnado e do persoal do centro.
Desde o PP consideran que, unha vez asegurada a zona, o Concello debe retirar os elementos que poidan supor un risco de novos desprendementos.
Pola súa banda, piden á Xunta que impulse un proxecto técnico integral, dotado cunha partida económica específica, que poña fin ás deficiencias estruturais do edificio.
O Partido Popular lembra que a infraestrutura, "construída durante o mandato do bipartito" presenta "importantes carencias" e necesitou máis de 300.000 euros de investimento autonómico nos últimos quince anos.
"A seguridade das nenas e nenos debe de estar por encima de calquera outro interese", recalca Ana Granja.
O PP de Vilagarcía reitera, ademais, o seu "compromiso de colaboración" para que as administracións implicadas cheguen a un consenso e ofrezan unha solución "definitiva e eficaz" a esta situación.