Educación ábrese a cambiar os horarios de Rubiáns e A Lomba para resolver o problema do transporte escolar

O Salnés
27 de agosto 2025
Actualizado: 13:48

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación, confirmou que o tema depende da Dirección Xeral de Mobilidade

Exterior do CEIP da Lomba
Exterior do CEIP da Lomba / ANPA CEIP A Lomba

A situación dos centros educativos de Rubiáns e A Lomba en Vilagarcía de Arousa continúa sen resolverse a escasos días do inicio do curso escolar.

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, confirmou que a Consellería estuda modificar os horarios dos colexios para adaptalos ás necesidades do transporte combinado.

"Temos unha petición por parte do colexio de Rubiáns que leva consigo unha modificación do horario", explicou Pérez Ares, quen sinalou que estas modificacións "agora non depende de nós, depende de Mobilidade", dirección xeral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O responsable territorial de Educación destacou que "ao ser un transporte combinado con varias liñas afecta a varios centros".

Segundo o xefe territorial, "o centro máis afectado no sentido de que teñan que cambiar tamén o horario é o colexio da Lomba".

A empresa de transporte xa trasladou á Consellería que "teñen que modificar ese horario de entrada por parte da Lomba" para poder dar servizo a ambos centros.

Pérez Ares mostrou disposición a buscar unha solución: "Pola nosa parte non hai problema ningún, pero ten que ser consensuado".

O responsable educativo indicou que "ata o día 8 ainda temos tempo relativamente para que podamos facer esa modificación horaria".

Mentres tanto, as familias de ambos centros seguen sen recibir información oficial. A directiva da ANPA do CEIP da Lomba ten previsto manter un encontro para abordar os seguintes pasos a dar.