Resposta ao comunicado da Consellería de Educación sobre o CEIP San Clemente

05 de agosto 2025
Actualizado: 12:33

As familias do CEIP San Clemente queren "agradecer á Consellería de Educación que se digne por fin a respondernos, aínda que sexa a través da prensa"

Antes de nada, as familias do CEIP San Clemente queremos agradecer á Consellería de Educación que se digne por fin a respondernos, aínda que sexa a través da prensa. Dende a reunión celebrada en Santiago o pasado 20 de maio, non volvemos ter noticias da Xunta, a pesar de que aquel encontro se pechou coa promesa do director xeral de "repensar" a situación. Dende entón, nin unha das nosas peticións dunha nova xuntanza obtivo nin sequera resposta…

Visto o ton empregado na súa contestación á nosa queixa polo novo recorte —a redución da presenza do profesorado especialista en Inglés de tres días á semana a tan só un—, un comunicado no que chega a acusarnos de mentir, consideramos que o texto ben merece unha análise parágrafo por parágrafo para desmontar as súas afirmacións. Imos aló:

"A Xunta de Galicia está absolutamente comprometida cun ensino de calidade no Colexio San Clemente de Caldas de Reis, un centro sobre o que adoitan xerarse afirmacións que non se corresponden coa realidade e que nos vemos na necesidade de desmentir".

Gustaríanos que a Xunta nos aclarase cales das afirmacións realizadas dende que comezaron os inxustificados recortes no centro "non se corresponden coa realidade":

-É falso que a Xunta suprimiu de xeito irregular a terceira unidade de Educación Infantil no curso 24-25 pese a que o número de alumnado matriculado esixía mantela?

-É falso que a Xunta asegurase —así o fixo no seu nome, no pleno municipal de Caldas, o portavoz local do PP— que esa supresión se debeu a un "erro administrativo"?

-É falso que existise un dobre compromiso de recuperar a unidade no curso 25-26 se se acadaba matrícula suficiente? Un compromiso "verbal" coa comunidade educativa e un compromiso por escrito a través dunha resposta á Valedora do Pobo no expediente D.3.Q/14422/24 do 13 de novembro de 2024.

-É falso que, rachando todas as previsións, 11 crianzas solicitasen a matrícula en 4º de Educación Infantil para o curso 25-26, unha cifra que obrigaba —segundo os propios compromisos da Xunta— a recuperar a unidade roubada?

-É falso que a Xunta limitou a só 8 nenos a nenas a posibilidade de matricularse no centro amparándose, precisamente, en que non existía a terceira unidade, e que aínda non deu resposta ao alumnado ao que deixa fóra?

 -É falso que a secretaria do centro presentou a súa dimisión como consecuencia dos incumprimentos da Consellería?

-É isto o que a Xunta considera estar "absolutamente comprometida cun ensino de calidade"?

"O alumnado deste colexio vai recibir exactamente as mesmas horas de Inglés que recibía o curso pasado. Non pode ser doutro xeito dado que a asignación de horas está establecida por normativa. Conta cos recursos necesarios para facelo e, polo tanto, é falso que vaian cursar menos horas de Inglés".

En ningún momento a comunidade educativa de San Clemente afirmou que se fosen impartir menos horas de inglés no curso 25-26 e retamos á Consellería a atopar algunha declaración nosa nese sentido.

A Xunta non é quen de negar o que de verdade denunciabamos: que, en adiante, o profesor específico da materia vai acudir ao centro só un día en lugar dos tres que o viña facendo. O resto de horas serán impartidas por profesorado que non é especialista e que terá que deixar de lado parte dos labores que realizaba ata agora para cubrir as consecuencias deste novo recorte.

"Estamos ante un centro con ratios moi por debaixo das ratios máximas, un colexio con poucos alumnos por clase, que a Consellería apoia e onde as decisións, como en calquera outro, son adoptadas polos técnicos en base aos criterios establecidos. É un centro con numerosas prazas libres que, co profesorado actual, aínda podería atender máis alumnado".

É falso que a supresión da unidade fose unha decisión técnica. Dende a Xefatura territorial de Pontevedra se confirmou á comunidade educativa que a súa recuperación contaba cun informe favorable tanto do inspector como do propio xefe territorial, César Pérez Ares. A decisión final de persistir nun erro que cada vez máis parece intencionado foi tomada por Jesús Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería: unha decisión política tomada por un cargo político.

"Hai mesmo voces que poñen en dúbida o futuro do centro. É algo tamén absolutamente falso. De feito, nestes momentos a Xunta de Galicia ten en licitación unha obra de mellora deste colexio por máis de 400.000€ que inclúe a renovación da cuberta e parte das fiestras, illamento térmico na fachada e instalación de novas luminarias e falsos teitos, entre outras actuacións. A obra, á que se presentaron dúas empresas, será adxudicada precisamente este mes de agosto".

O conselleiro de Educación anunciou a obra de reforma no CEIP San Clemente nunha visita a Caldas de Reis en decembro de 2023, cando prometeu que sairía a licitación en 2024. Porén, a súa licitación real non chegou ata o 11 de xuño deste ano, xusto o día no que Román Rodríguez contestaba no Parlamento de Galicia unha pregunta do PSdeG sobre a supresión da terceira unidade de infantil. Casualidades.

Gustaríanos confiar na palabra da Xunta pero, desgraciadamente, todos estes antecedentes póñennolo realmente difícil. Destinar 410.000 euros a obras nun inmoble — por certo, 15.000 menos dos anunciados inicialmente— non garante o seu futuro. Son múltiples o exemplos de edificios públicos reformados ou reconstruídos que non chegaron a inaugurarse ou que pecharon pouco despois de remataren obras. Por iso, non falamos de intencións, senón de feitos. E é un feito que o CEIP San Clemente ten hoxe, sen motivo, unha unidade menos de Educación Infantil, alumnado ao que se lle impide matricularse e menos profesorado do que tiña hai só un par de cursos.

*** Comunidade educativa do CEIP San Clemente de Caldas de Reis