Denuncian novos recortes no CEIP San Clemente, un colexio plurilingüe que só terá profesor de Inglés un día á semana

Umia
03 de agosto 2025
Actualizado: 9:39

A comunidade educativa denuncia que "a Xunta non só incumpre a súa palabra ao non recuperar a unidade de Educación Infantil eliminada por erro no curso 24-25, senón que suma novas consecuencias"

Protesta no CEIP San Clemente
Protesta no CEIP San Clemente / Concello de Caldas de Reis

A comunidade educativa do CEIP San Clemente de Caldas de Reis denuncia un novo episodio de "desmantelamento do centro". 

Así, aseguran que, a pesar de ser un centro plurilingüe, durante o vindeiro curso, só terán profesor de Inglés un día á semana.

Así figura no CADP (Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais) coñecido este venres, que confirmou "os peores temores" da comunidade educativa.

Así, denuncian que "a Xunta non só incumpre a súa palabra ao non recuperar a unidade de Educación Infantil eliminada por erro ao principio do curso 24-25, senón que ese recorte suma novas consecuencias: o profesor de Inglés, compartido co CRA e que ata agora acudía ao centro tres días á semana, no 25-26 farao soamente un único día".

As familias levan un ano avisando de que as consecuencias de suprimir "inxustamente" unha unidade de Infantil "ían moito máis aló" da perda dun docente pero a Xunta "tentou disimular parcheando a súa ausencia cunha profesora do Plan MEGA".

Sen a unidade, perdíanse xa dúas prazas no centro: a da docente encargada de cuarto de Infantil e a do profesor de apoio que correspondía por contar con tres aulas diferenciadas para cuarto, quinto e sexto.

Este ano, só haberá dúas unidades de Infantil: o alumnado de 4 anos dividirase en dous grupos, parte co de 3 e parte co de 5 anos.

A comunidade educativa indica que "isto vén provocado pola negativa da Xunta a permitir a matriculación de dúas crianzas que así o solicitaran", pese ao compromiso ante a Valedora do Pobo de recuperar a unidade se daban os números, "como así sería se a propia Consellería non o impedise".

Con esas dúas altas, cumpriríanse as ratios para manter as tres unidades e todos os apoios que levan aparellados.


Ao desaparecer a unidade, San Clemente inicia o seu camiño cara ser o que se considera un "centro incompleto", que ten como seguinte consecuencia a reducción da presenza do profesor especialista en Inglés.